A CIG gaña as eleccións nas panaderías Sanbrandan e faise coa maioría absoluta da representación no grupo IPASA
A CIG gañou as eleccións sindicais celebradas no día de onte nos despachos Sanbrandan (da panificadora IPASA) ao obter cinco representantes dun comité formado por nove persoas. Aínda que era a primeira vez que se presentaba, a central nacionalista conseguiu 47 votos mentres que o STL (que até agora ostentaba a representación en solitario) sacou 44 votos e catro delegados/as.
Deste xeito, a CIG faise coa maioría absoluta nas tendas Sanbrandan e consegue ser a primeira forza sindical no Grupo IPASA, xa que recentemente tamén gañou as eleccións celebradas na fábrica, logrando cinco delegados/as, mentres que CCOO sacou tres e UGT obtivo un representante. En todo o grupo, a CIG conta con 10 delegados/as, fronte aos oito representantes que teñen o resto de sindicatos.
A central nacionalista agradece a confianza depositada polas traballadoras e os traballadores de Sanbrandan e reafirma o seu compromiso na loita para recuperar os dereitos perdidos nos últimos anos e avanzar na mellora das condicións laborais.
Entre outros obxectivos, as delegadas e delegados da CIG traballarán pola recuperación da antigüidade, mellorar os permisos, que sexa o persoal quen elixa o período vacacional, equiparar o cobro dos domingos cos festivos, o recoñecemento a percibir un plus de cafetería tendo en conta que tamén fan funcións de camareiras/os, mellorar as instalacións, reivindicar un plus por traballar o día de reis, ou implentar a formación e as condicións laborais e de prevención.
Nos despachos Sanbrandan (con tendas por toda a Coruña e a súa comarca) traballan 277 persoas, sendo unha das maiores empresas do sector de panaderías do país.