A CIG gaña as eleccións en SADA PA e convértese na primeira forza nas dúas principais industrias cárnicas da provincia de Lugo
A CIG gañou as eleccións sindicais celebradas no matadoiro de aves e coellos de SADA PA SA de Castro de Rei ao lograr 8 delegados/as dos/as 13 que se elixían. Deste xeito, a CIG obtén a maioría absoluta do comité e, xunto ao resultado obtivo nas eleccións de Torre de Núñez, convértese na primeira forza sindical nas dúas principais industrias cárnicas da provincia de Lugo.
Para o secretario da FGAMT-CIG de Lugo, Christian López, este resultado referenda o traballo sindical desenvolvido nos últimos anos, especialmente no referido ao conflito para que se recoñeceran os dereitos do persoal falso autónomo contratado a través da falsa cooperativa Servicarne, que servía como instrumento para facilitar man de obra barata e en condicións de máxima precariedade á industria cárnica.
De feito, López subliña que, por primeira vez, a CIG (que xa tiña a presidencia do comité) conseguiu presentar candidatura tamén no colexio de persoal técnico, obtendo os 2 delegados en liza.
No colexio de especialistas, a candidatura da CIG logrou 74 votos e 6 representantes, mentres que a lista de CCOO acadou 31 votos e 3 representantes, e a de UGT 30 votos e 2 delegados/as.
Cómpre salientar que esta empresa (que pertence a Vall Companys, unha das principais compañías do sector cárnico) foi unha das máis belixerantes na incorporación do persoal falso autónomo, pondo todo tipo de trabas á regularización destas traballadoras e traballadores tras a alta de oficio na Seguridade Social instada pola Inspección de Traballo.
A teima de SADA por perpetuar a explotación e a precariedade laboral levouna a recorrer ante o Tribunal Supremo as sentenzas do TSXG e do Xulgado do Social nº2 de Lugo que recoñecían a relación laboral entre a empresa propietaria dos matadoiros de aves e coellos e o persoal contratado a través da falsa cooperativa.
Neste proceso, tampouco faltaron os despedimentos, nin as represalias por parte do Grupo SADA contra persoas que se negaron a asinar o acceso á empresa cunha antigüidade inicial a cero.
Con este resultado na man, a CIG agradece a confianza depositada polos traballadores e as traballadoras e reafirma a súa firme defensa no recoñecemento pleno dos dereitos de todo o persoal e na mellora das condicións laborais.