A CIG gaña as eleccións en Electrorayma e faise coa maioría absoluta do comité

A central obtivo seis dos/as nove representantes que se elixían
Ferrol - 12 Nov 2024

A CIG obtivo a maioría absoluta nas eleccións celebradas o pasado ventes en Electrorayma, empresa situada en Narón que se dedica á electricidade industrial, ao lograr seis representantes dun comité de nove. Deste xeito a central nacionalista logra aumentar o número de delegados/as ao pasar de catro a seis e consolídase como primeira forza nesta empresa.

O resto da representación no comité foi para CCOO, que obtivo 3 delegados/as mentres que a candidatura de UGT (que até agora tiña 2 delegados/as) non conseguiu representación.

Por colexios,  no de persoal técnico, a CIG recibiu 19 votos, CCOO 6 e UGT 3. Obtendo un representante a CIG e outro CCOO.

No colexio de especialistas, a candidatura da CIG foi con diferenza a máis apoiada ao recibir 85 votos, fronte aos 23 e 5 votos que recibiron as listas de CCOO e UGT, respectivamente. Deste modo, a CIG obtivo cinco representantes e CCOO sacou dous representantes.

A CIG-Industria de Ferrol destaca a elevada participación neste proceso de eleccións sindicais e agradece o apoio maioritario dado polos traballadores e traballadoras ás súas candidaturas. Considera que este resultado reafirma, "unha vez máis, que o noso modelo sindical é o axeitado e avala a acción sindical desenvolvida na empresa nestes últimos catro anos".  

Neste senso, a federación de Industria pon en valor a responsabilidade que supón ter a maioría absoluta do comité, polo que reitera o firme compromiso a seguir traballando na defensa dos dereitos laborais e na loita pola mellora das condicións de todo o persoal.