A CIG gaña as eleccións en Einsa e segue a ser a forza máis votada
A CIG-Industria volveu gañar as eleccións sindicais celebradas en Einsa, consolidándose como a forza máis votada no centro de traballo das Pontes por cuarta vez consecutiva, ao obter un total de 91 votos nos dous colexios, fronte aos 78 acadados pola candidaturas da UGT e os 26 sacados por CCOO.
Deste xeito, a central nacionalista ten 6 dos/as 13 membros do comité (5 no colexio de operarios/as e 1 no de técnicos/as), mentres que UGT logrou 5 membros e CCOO obtivo 2 delegados/as de persoal.
Dende CIG-Industria valoraron moi positivamente este resultado, que reforza a liña de acción sindical desenvolvida nesta empresa até o de agora. Ao tempo, dende a CIG agradeceuse a confianza e o apoio recibido por parte dos traballadores e traballadoras e ratificouse o compromiso na defensa dos intereses do conxunto do persoal.