A CIG gaña as eleccións en Carrefour Lugo e obtén a maioría do comité
A CIG gañou as eleccións sindicais celebradas o pasado venres no hipermercado Carrefour de Lugo, ao lograr 5 dos/as 9 delegadas/os do comité, e polo tanto obter a maioría do órgano de representación. Este resultado avala o intenso traballo sindical realizado polas delegadas e delegados da central nos últimos catro anos na defensa dos intereses dos traballadores e traballadoras da empresa.
Por mesas, no colexio de especialistas a candidatura da CIG obtivo 54 votos e 4 delegados/as, mentres que a lista de CCOO tivo 19 votos e 1 representante e a de FETICO 14 votos e 1 representante. No colexio de técnicos/as, FETICO sacou 27 votos e 2 delegados/as e a CIG 22 votos e 1 representante.
Este bo resultado é froito do traballo "rigoroso e eficaz" feito polas delegadas e delegados (até agora a CIG tiña 3 representantes no comité) na defensa dos dereitos das traballadoras e traballadoras e na loita contra a precariedade laboral en Carrefour.
Cómpre subliñar que a sección sindical da CIG ten presentadas máis dunha ducia de denuncias na Inspección para que se persiga a fraude na contratación (calculan que o 90% dos contratos temporais que fai a empresa neste centro de traballo están en fraude de lei) e iniciou accións sindicais e xudiciais para que se cumpra o convenio colectivo no relativo ao dereito á ampliar a xornada para o persoal a tempo parcial ou contra a denegación sistemática da empresa das solicitudes de redución de xornada e a concreción horaria por garda legal.
As delegadas e delegados da CIG encaran con ilusión esta nova etapa e co mesmo compromiso na defensa dos dereitos dos seus compañeiros e compañeiras "porque queda moito traballo por facer".
A CIG obtén 2 delegados/as no Carrefour Market de Cee
Ademais do bo resultado de Lugo, a CIG tamén conseguiu incrementar a súa representación no Carrefour Market de Cee, pasando de ter só 1 representante a contar con 2 dun comité de 5 persoas.