A CIG gaña as eleccións en Albada e obtén a maioría absoluta no comité
A CIG vén de gañar as eleccións sindicais celebradas este martes na planta de tratamento de residuos de Nostián ao conseguir cinco dos/as nove membros que compoñen o comité de empresa. Deste xeito, a CIG recupera a maioría absoluta da representación ao recibir 66 votos, fronte aos 25 da UGT e os 20 de CCOO, que obteñen dous representantes respectivamente.
Este resultado avala o traballo sindical desenvolto nos últimos catro anos, marcados pola loita en defensa das condicións laborais e salariais, o mantemento dos postos de traballo, a pelexa para frear as pretensións de Albada de deixar sen convenio colectivo ao persoal e recortarlle dereitos; ou as mobilizacións pola viabilidade da planta.
A este respecto, os delegados e delegadas da CIG agradecen a confianza depositada polos compañeiros e compañeiras na súa candidatura e reafirman o compromiso pola defensa dos dereitos do persoal. Os vindeiros catro anos supoñen un reto importante para a recuperación dos dereitos perdidos, mais tamén para o mantemento dos postos de traballo e para esixirlle ao Concello un proxecto que garanta a viabilidade das instalacións e do seu modelo de xestións dos residuos.
Neste senso, a CIG insta o persoal a dar esta loita coa máxima unidade, para termos a forza suficiente para reclamar do Concello axilidade na publicación dos novos pregos, lograr que se incorporen os compromisos laborais e de emprego asinados na anterior lexislatura e que, dunha vez, se obrigue a empresa concesionaria a respectar os dereitos dos traballadores/as.