A CIG gaña as eleccións ao primeiro comité que se elixe nas perfumerías Arenal da provincia da Coruña
As traballadoras da popular cadea galega de perfumerías Arenal na provincia da Coruña decidiron apoiar masivamente a CIG no proceso de eleccións sindicais celebrado onte, polo cal elixiron o seu primeiro comité de empresa.
A compañía lucense conta con 10 tendas na provincia da Coruña (8 na cidade da Coruña, 1 en Carballo e 1 en Compostela) e cun cadro de persoal que supera as 150 traballadoras, que até o de agora carecían de representación sindical. "Despois de varios meses de preparación, un grupo de traballadoras combativas e conscientes da necesidade de organizarse para defender os seus intereses elaboraron unha candidatura plural e ilusionada, á que as compañeiras votaron de maneira maioritaria", destacan dende CIG-Servizos.
A participación nas eleccións foi practicamente plena (máis do 95%), o que demostra "o convencemento do persoal dos beneficios que lles pode achegar contar cunhas sindicalistas valentes que as representen e defendan". A candidatura da CIG obtivo máis da metade dos votos e sumou máis apoios que as outras dúas candidaturas xuntas, o que deixa claro cal é a decisión colectiva das traballadoras de Arenal na provincia da Coruña.
Os resultados oficiais finais foron:
Central sindical |
Número de votos |
Porcentaxe |
Delegadas |
CIG |
74 |
50.68% |
5 |
UGT |
47 |
32.19% |
3 |
CCOO |
25 |
17.12% |
1 |
As delegadas da CIG xa están traballando na plataforma reivindicativa que achegarán na negociación do seu convenio, ao que asistirán en Madrid o próximo 9 de maio.