A CIG gaña as eleccións ao comité de Oysho na provincia da Coruña
A CIG vén de gañar con maioría absoluta as eleccións ao comité de Oysho -do grupo INDITEX- na provincia da Coruña. O proceso tívose que repetir dúas veces no mesmo mes, tras as reclamacións presentadas polas outras centrais sindicais. Porén, na segunda votación a CIG obtivo incluso un mellor resultado que na primeira.
A cadea especializada en lencería e roupa íntima do Grupo INDITEX (co 100% do persoal feminino) contaba até o de agora cun comité con maioría de UGT que, explican dende a CIG-Servizos da Coruña, "organizara unha candidatura co apoio dalgunhas encargadas e do Departamento de RRHH. Desta volta, intentárono con CCOO, pero esta lista nin sequera conseguiu representación".
Os resultados das eleccións foron os seguintes:
CIG | 3 delegadas |
UGT | 2 delegadas |
CCOO | 0 delegadas |
Traballo constante
As traballadoras da CIG recollen así o froito dun traballo constante para conseguir melloras nos horarios e diminuír a parcialidade a través da consolidación de horas. "Todo isto coa oposición frontal do grupo de encargadas animado por RRHH, que levan anos intentando preservar os seus privilexios e a capacidade de manexar os dereitos das traballadoras ao seu antollo", denuncia a Federación de Servizos.
Malia todas as dificultades, as delegadas da CIG, en minoría durante 4 anos, souberon chegar á maioría das compañeiras e levar todo o peso do traballo sindical e reivindicativo.
Este resultado consolida a maioría sindical da CIG no conxunto de empresas do Grupo INDITEX, onde é o primeiro sindicato desde hai anos grazas ao apoio das traballadoras.