A CIG gaña a primeira sentenza que recoñece o dereito á carreira profesional do funcionariado interino
Os servizos xurídicos da CIG veñen de gañar a primeira sentenza que recoñece a unha persoa que é funcionaria interina o dereito a acceder ao grao I da carreira administrativa por medio do réxime extraordinario publicado no DOG do 29 de marzo de 2019 nas mesmas condicións que se recollían para o persoal funcionario de carreira.
Segundo explican dende o sector de Autonómica da CIG-Administración, os efectos desta decisión xudicial van máis alá do individual e teñen carácter xeral, xa que a sentenza declara nulo, por discriminatorio, o artigo 3 da orde pola que se publica o acordo da Xunta con CCOO e UGT de acceso ao grao I do sistema de carreira profesional do persoal funcionario de carreira e do persoal laboral da Xunta.
A Xunta non debe esperar a que a sentenza adquira firmeza, debe sentarse a negociar xa unha modificación
Para chegar a esta sentenza o tribunal basease nas sentenzas do Tribunal de Xustiza da Unión Europea e a súa aplicación pola doutrina do Tribunal Supremo español sobre a consideración de discriminación cando se aplican diferentes medidas no trato de persoal temporal respecto do fixo, doutrina na que o Tribunal Supremo xa se pronunciou en sentenzas do propio ano 2019.
A CIG xa o advertira dende o primeiro momento, sinalando que incluso o Tribunal Supremo se estaba a pronunciar no sentido da non discriminación do persoal interino ou temporal como se pode comprobar nesta información ou nesta outra.
Esta sentenza abre o camiño para que as reclamacións de recoñecemento da carreira administrativa do persoal funcionario interino, que a CIG recomendou para aquelas persoas que o acordo coa Xunta deixou excluídos dese dereito, se vexan recoñecidas.
Pero a Xunta non debe esperar a que a sentenza adquira firmeza, debe sentarse a negociar xa unha modificación do Acordo para a implantación do réxime extraordinario de acceso ao grao I onde se inclúa a todo o persoal empregado público dentro do seu ámbito subxectivo e se lles recoñeza o grao I con efectos retroactivos dende o 1 de xaneiro de 2019.
E tampouco debe esperar a que saia a sentenza da demanda que con carácter xeral a CIG presentou nese mesmo tribunal e que con toda a probabilidade vai ir no mesmo sentido.
Ilegal e discriminatorio
Hai que lembrar que a CIG non asinou o acordo de carreira profesional para o persoal funcionario e laboral porque considerábamos que establecía unha serie de cláusulas inxustas, "entre as que citábamos a grande diferenza entre os grupos altos e baixos no importe anual; inexistencia da concreción de como se cobrarían os seguintes graos e a discriminación respecto do persoal funcionario de carreira do persoal laboral e do persoal interino".
O recoñecemento de que o acordo de carreira profesional da Xunta avalado por CCOO e UGT é ilegal e discriminatorio respecto do persoal interino dálle a razón á CIG na súa postura de defensa dos intereses de todas as persoas que traballan para a Xunta sen distinción segundo a relación laboral que teñan coa Administración.