A CIG forza unha reunión co conselleiro de Sanidade tras pecharse nas dependencias do SERGAS
Delegadas e delegados da CIG no comité de POVISA e membros da CIG-Saúde realizaron un peche esta mañá na Consellaría de Sanidade, en San Lázaro, para forzar unha reunión co conselleiro ante o proceso de compra do centro hospitalario por parte da aseguradora estadounidense Centere e para reclamar a xestión pública dun recurso asistencial vital para a área sanitaria de Vigo.
A medida de presión levantouse por volta da unha da tarde, logo de manterse unha tensa xuntanza co Xerente do SERGAS, quen se comprometeu a fixar esta semana unha data de reunión co conselleiro nun prazo máximo de 15 días. A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, criticou a pasividade que está a amosar o Goberno galego ante o proceso de venda de POVISA, malia a repercusión que a actividade deste hospital ten en toda a área sanitaria de Vigo. Por iso, denunciou que non se concretara xa hoxe a data do encontro e advertiu que “agardamos que o conselleiro cumpra co compromiso que nos acaba de transmitir o Xerente, porque do contrario teremos que incrementar as medidas de presión”.
María Xesús Neira, voceira do comité de empresa, lamentou que malia ter solicitada a reunión dende o pasado 8 de outubro “e de vir concentrarnos aquí hai dez días, finalmente tiveramos que facer hoxe esta acción para lograr unha resposta”. Neira salientou que Vázquez Almuíña é o máximo responsábel de Sanidade “e non pode inhibirse ante un tema tan grave. Queremos transmitirlle todos os problemas que temos, todo o que supón a venda e como lle vai afectar aos/ás usuarios/as e ás/aos traballadoras/es”.
Un hospital que atende a máis de 135.000 persoas
Nesta liña, María Xosé Abuín tamén criticou que o Xerente do SERGAS puxera como escusa para non recibir a CIG que teñen que trasladar conxuntamente a información ao resto de sindicatos, malia ser a CIG a única central que demandou este encontro. “Queremos saber con claridade que vai pasar coa compra por parte desa multinacional dun centro que atende a máis de 137.000 persoas e que ten repercusión sobre o desenvolvemento do resto da área sanitaria de Vigo”, urxiu.
Sobre este punto, Neira reiterou o rexeitamento da venda do hospital a Ribera Salud, “atrás da que está a multinacional Centene, que sabemos que o único que vén facer é negocio coa sanidade. Por iso, reclamamos que POVISA sexa absorbido polo SERGAS, xa que hai fórmulas legais para facelo, e que a sanidade se preste 100% dende o público”.
A voceira do comité lembrou que POVISA entra dentro da rede sanitaria pública da área sur de Pontevedra, atende a 137.000 persoas e ten 1.400 traballadores/as, “polo que é obriga da Consellaría de Sanidade e da Xunta impedir esta venda a prezo de ganga”. A este respecto preguntouse que ten cambiado dende o ano 2011, cando a dirección presentou un ERE porque non se renovaba o concerto co SERGAS “e Feijoo saíu facendo unhas declaracións nas que dicía que non estaba de acordo coa venda a Ribera Salud. Que foi o que mudou neste tempo para que agora si lle pareza ben esta compra?”.
Chamamento a participar na manifestación deste xoves
Para o secretario comarcal da CIG-Saúde de Vigo, Manuel González Moreira, a situación é de tal gravidade que esixe unha resposta inmediata por parte da Administración, “que ten que garantir a asistencia sanitaria, porque non temos nesta área un recurso sanitario público alternativo”, algo que, advertiu, deixa a Centene “nunha situación de poder para negociar o que queira”. De aí que fixera un chamamento á cidadanía a tomar consciencia da gravidade da situación e a participar masivamente na manifestación convocada para este xoves, 24 de outubro, con saída ás 20 horas, dende a Praza dos Cabalos.
“Non estamos só ante un cambio de accionariado, aquí hai un cambio de modelo coa entrada dunha empresa que ten uns antecedentes de problemas xerados noutras comunidades. A cidadanía non pode quedar parada, temos que dar resposta e dicirlle á Consellaría que non pode permitir a venda de POVISA por 24 millóns de euros”, advertiu. Nesta liña, González Moreira destacou que isto supón unha ameaza, “pero tamén unha oportunidade de recuperar a xestión deste centro desde o público e xestionar a área sanitaria sen a rémora que supón POVISA. A Consellaría ten que tomar a decisión política de mercar POVISA, xestionalo dende o público e facer unha remodelación do conxunto da área sanitaria”, concluíu.