CIG-Ferrol chama a participar nas protestas do persoal do naval e do persoal civil de Defensa na porta de Navantia
A Unión Comarcal da CIG de Ferrol apoia e chama a participar nas mobilizacións que o persoal do naval e o persoal civil de Defensa vai desenvolver na tarde deste xoves, 11 de setembro, coincidindo co acto de botadura da primeira fragata da serie F-110.
Con motivo deste acto público, delegados e delegadas de Navantia e da industria auxiliar teñen previsto concentrarse na porta principal do estaleiro de Ferrol, a partir das 17 horas, e repartir follas informativas en demanda de melloras das condicións laborais e para exixir investimentos que garantan o futuro da actividade produtiva nos estaleiros públicos galegos.
A sección sindical da CIG en Navantia denuncia que, alén de todas as cuestións pendentes do convenio colectivo, non existe un compromiso real, tanto da empresa naval e da SEPI como das diferentes administracións públicas, cos investimentos básicos para a modernización do estaleiro “que nos permitan seguir sendo referencia mundial en construción de buques militar e líderes en reparación de gaseiros e grandes transformacións”.
Estas inversións, apuntan, pasan ineludibelmente por aprobar as obras do dique de nova construción e do dique de reparacións, apostar por proxectos que potencien a Fábrica de Turbinas e Reparacións e mellorar o gasto en I+D+I, xunto cun plan de emprego ambicioso, a redución os niveis de subcontratación e atraer nova carga de traballo para garantir os niveis de emprego tanto na principal como nas auxiliares.
Sobre as novas incorporacións, a sección sindical da CIG reivindica que os estaleiros da ría de Ferrol conten coa parte proporcional deses 1.500 postos de traballo anunciados no seu día polo presidente do Goberno español “para non perdermos capacidade industrial”, xa que faltan por convocar unhas 500 prazas e incorporar persoal relevista de aplicarse a xubilación parcial. O próximo ano deberá comezar a funcionar a Fábrica Dixital de Bloques, que precisará dunhas 340 persoas por quenda e “na CIG aspiramos a que sexan parte do cadro de persoal da principal”.
Para a representación da CIG a botadura desta primeira fragata F-110 marca “un antes e un despois, co que se cumpren todas as prestacións para afrontar as esixencias demandadas polo cliente; implementando novos sistemas de construción e un cambio tecnolóxico de gran alcance”.
Acadar este fito “supuxo un gran esforzo por parte das traballadoras e traballadores de Navantia e da industria auxiliar” e por iso, reclaman “correspondencia con este esforzo” á empresa pública e ás contratas “tanto na mellora das relacións e condicións laborais como nas actuacións necesarias para garantir o futuro do estaleiro de Ferrol”.
O persoal civil de Defensa segue en loita
Pola súa banda, a CIG-Administración tamén ten convocada unha protesta, ás 17:30h, na entrada de Navantia, en demanda de melloras salariais para o persoal civil do Ministerio de Defensa e para reclamarlle á ministra que, dunha vez, convoque a Mesa Xeral de Negociación e presente unha proposta de mellora retributiva digna.
Este colectivo leva meses mobilizándose en resposta á discriminación que está a sufrir “xa que mentres se están a destinar partidas millonarias para aumentar os salarios do persoal militar e adquirir equipamentos militares coas tecnoloxías máis avanzadas, o persoal civil público non ve nin un só céntimo dun aumento orzamentario sen precedentes para Defensa, relegándonos ao nivel salarial máis baixo de todos os Ministerios da Administración Xeral do Estado”.
Dereito do pobo galego á súa soberanía
A CIG de Ferrol tamén anima a sumarse ás protestas convocadas por outras organizacións no día de mañá en rexeitamento ao sistema monárquico español, reivindicar o dereito do pobo galego á súa soberanía e demandar unha República Galega.