A CIG-Industria faise cos tres delegados de persoal que se escollían na empresa Revi Trefilados de Ourense
A federación de Industria da CIG de Ourense logrou os tres delegados de persoal que se escollían nas eleccións sindicais celebradas recentemente na empresa ourensá Revi Trefilados. Dende a central cualifican de “histórico” o resultado obtido no proceso, tendo en conta que a compañía leva 62 anos sen representación sindical.
Os candidatos da CIG sumaron un total de 52 votos, fronte aos 24 obtidos polos representantes da UGT, “a pesar de que os candidatos do sindicato estatal contaron co apoio da dirección”.
Precisamente esta outra compañía, Conductores Eléctricos Revi, vai celebrar as súas eleccións sindicais o vindeiro catro de xullo. E farao despois de que a empresa despedise dous candidatos da CIG ao día seguinte do preaviso das eleccións sindicais. Agora os afectados están á espera de que se celebre o xuízo no que reclaman a nulidade da decisión.
Por todo isto, dende a central sindical salientan o apoio amosado polo cadro de persoal de Revi Trefilados á súa candidatura e fan especial fincapé a valentía dos candidatos da CIG que concorreron ao proceso. Finalmente, queren deixar moi claro o compromiso dos seus representantes coa defensa dos dereitos laborais e sociais do conxunto dos empregados/as da compañía.