A CIG logra os nove representantes do comité de Inasus, a maior empresa da comarca do Deza
A CIG fíxose cos nove representantes que se escollían no comité de Inasus nas eleccións sindicais celebradas hoxe na que é a maior empresa da comarca do Deza. A central foi o único sindicato que conseguiu presentar candidatura, aumentando en cinco delegados/as a súa representación na compañía.
Tras as votacións que tiveron lugar esta mañá na firma lalinense do sector do metal a CIG pasa a ser a única forza con representación no comité, ao pasar dos catro delegados/as que obtivera no anterior proceso (por outros/as catro de UGT e un de CCOO) aos nove actuais.
A central sindical sumou 68 votos no colexio de especialistas (cinco representantes) e 29 no de persoal técnico e administrativo (catro representantes) nun proceso no que tiñan dereito ao voto un total de 198 traballadores/as.
Dende a Unión Local da CIG no Deza valoran moi positivamente terse feito coa totalidade do comité de Inasus por primeira vez na historia da empresa, ao tempo que a representación da central sindical na compañía adiantan a súa disposición a loitar na defensa das condicións de traballo do conxunto do cadro de persoal.