A CIG obtén 3 de 5 delegados/as a primeira vez que se escolle comité na empresa Estinorte de Moaña
A FGAMT-CIG logrou 3 dos 5 representantes no comité de empresa de Estinorte nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar na compañía con sede en Moaña. A central sindical sumou un total de 24 votos, fronte aos 10 colleitados pola UGT (1 delegado/a) e aos 9 de CCOO (1 delegado/a).
Deste xeito, a CIG fíxose coa maioría absoluta na representación sindical a primeira vez que se escollía comité de empresa, xa que até o de agora a compañía contaba unicamente con 3 delegados/as de persoal (da CUT, que agora queda sen representación) ao ter menos de 50 traballadores/as.
Nesta ocasión ao proceso concorreron as candidaturas da CIG (que presentou 7 candidatos/as, obtendo 24 votos e 3 representantes), da UGT (con 5 candidatos, 10 votos e 1 representante) e de CCOO (6 candidatos/as, 9 votos e 1 representante).
Dende a central sindical valoran moi positivamente o resultado e agradecen o apoio a a confianza amosada polo cadro de persoal da empresa, dedicada á estiba e desestiba e que traballa fundamentalmente para a compañía canguesa Frigoríficos del Morrazo.
Finalmente, adiantan a súa intención de loitar polos dereitos laborais e sociais do conxunto dos traballadores/as e márcanse como primeiro obxectivo a negociación dun novo convenio colectivo, xa que o actual leva sen actualizarse dende o ano 2002.