A CIG faise coa totalidade da representación na empresa Marine Instruments
A CIG-Industria vén de facerse co totalidade da representación no comité de empresa de Marine Instruments, compañía de Nigrán dedicada ao desenvolvemento e fabricación de equipos electrónicos adaptados ao medio mariño, ao obter os nove delegados/as que se escollían.
Dende a federación de Industria da CIG de Vigo explican que o resultado é froito do intenso traballo sindical levado acabo durante os últimos anos pola afiliación da central nunha empresa que dende hai tempo carecía de representación.
Mais a CIG foi quen de configurar unha candidatura que finalmente concorreu en solitario ao proceso, no que participaron 104 dos 155 traballadores/as que integran o cadro de persoal. De xeito que a central nacionalista fíxose cos 7 representantes entre o persoal técnico e administrativo e cos 2 que se escollían no colexio de especialistas.
Dende a CIG-Industria trasladan o seu agradecemento polo apoio colleitado e adiantan a disposición da representación da central na empresa con sede no polígono de Porto do Molle a loitar na defensa dos dereitos laborais do conxunto do cadro de persoal.