A FCM-CIG faise coa presidencia do comité de Izmar a primeira vez que presenta candidatura
A federación da Construción e Madeira (FCM) da CIG logrou a presidencia do comité de Izmar, compañía do sector da construción cun cadro de persoal de 66 traballadores/as, tras as eleccións sindicais que se veñen de celebrar na empresa con sede no polígono vigués de Valadares. A central, que presentaba candidatura por primeira vez, acadou tres dos cinco delegados/as que se escollían.
Tras o proceso de eleccións sindicais o comité de empresa de Izmar está integrado por tres representantes da CIG e dous da UGT. A central nacionalista logrou os tres delegados/as no colexio de especialistas e non cualificados/as ao obter 30 votos, mentres que o sindicato estatal sumou un neste mesmo colexio (9 votos) e outro/a no de técnicos/as e administrativos/as (13 votos fronte aos 8 da CIG). CCOO non conseguiu representación ao contabilizar unicamente seis votos.
Dende a FCM-CIG agradecen o apoio recibido entre os traballadores/as de Izmar e adiantan que centrarán a súa acción sindical na defensa dos dereitos do conxunto do cadro de persoal, ao tempo que anuncian a súa intención de mellorar o convenio colectivo propio da empresa.