A CIG faise coa presidencia do comité de empresa e da xunta de persoal do Concello de Redondela
A CIG fíxose coa presidencia do comité de empresa e da xunta de persoal do Concello de Redondela no proceso de renovación dos órganos de representación sindical celebrado recentemente. Dende a central salientan o feito de que esta renovación se producise tras meses de parálise e valoran un resultado “que avala o traballo realizado”.
Tras o proceso, a presidencia do comité de empresa, que representa o persoal laboral, estará ocupada por Xosé Manuel Riobó, mentres que Marta Pena foi elixida presidenta da xunta de persoal, que é o órgano de representación do persoal funcionario. Patricia Vilán, tamén da CIG, exercerá como secretaria.
Deste xeito a CIG logra a presidencia dos dous órganos de representación sindical do Concello de Redondela, grazas a uns resultados “que avalan o traballo realizado durante meses tanto a nivel de propostas no eido sindical como a nivel de contacto cos traballadores/as municipais”.
Así mesmo, dende a sección sindical da CIG no Concello de Redondela adiantan que continuarán coa súa tarefa sindical de defensa dos dereitos laborais do conxunto do persoal municipal e que seguirán marcando posición nos conflitos existentes.