A CIG faise coa maioría no comité da compañía de automoción viguesa BorgWarner
A CIG fíxose coa maioría da representación no comité de empresa de BorgWarner ao obter 10 dos 21 delegados/as nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar na compañía da automoción con sede en Vigo.
No proceso participaron 568 dos 777 traballadores/as con dereito a voto, dos que 265 optaron pola candidatura da CIG. A central sindical sumou 222 apoios no colexio de especialistas (7 delegados/as) e 43 no de persoal técnico e administrativo (3 delegados/as).
A UGT contabilizou 127 votos, 75 no colexio de especialistas (2 delegados/as) e 52 entre o persoal técnico e administrativo (4 delegados/as). A continuación situouse a CGT, con 69 apoios no colexio de especialistas (2 delegados/as), o único no que presentou candidatura.
Finalmente, a USO con 46 votos (2 delegados/as) e CCOO con 39 (1 delegado/a), tamén no colexio de especialistas, completan a representación no comité de empresa.
Dende a CIG-Industria de Vigo valoran moi positivamente o resultado acadado pola central nas eleccións de BorgWarner e atribúeno ao excelente traballo sindical desenvolvido pola representación da CIG na empresa ao longo deste anos. Neste senso, lembran que no anterior proceso, no que se escollían 17 delegados/as, a central obtivera 4, pasando agora a contar con 10 representantes nun comité de 21.
Intento de boicot
Ao mesmo tempo, lamentan a actitude da empresa durante as eleccións e denuncian os intentos de boicotear o proceso intentando evitar que o persoal que presta servizo na nave do Porto do Molle puidese exercer o seu dereito ao voto. Diante disto, a central sindical tivo que realizar varias impugnacións “que finalmente nos deron a razón”.
Pola súa banda, dende a sección sindical da CIG en BorgWarner agradecen a confianza amosada polo cadro de persoal e adiantan a súa disposición a seguir loitando na defensa e na mellora das condicións laborais do conxunto dos traballadores/as, con especial atención ao mantemento do emprego na compañía ante os cambios derivados da transición do motor de combustión ao vehículo eléctrico.