A CIG faise coa maioría absoluta nas eleccións sindicais en Rodríguez López Auto de Ourense
A federación de Industria da CIG vén de facerse coa maioría absoluta nas eleccións sindicais celebradas en Rodríguez López Auto, compañía ourensá dedicada á fabricación de vehículos especiais, ao lograr 8 dos 13 representantes que se escollían no comité de empresa.
No recente proceso electoral a central obtivo 6 delegados/as no colexio de especialistas ao sumar 103 votos do total de 186 contabilizados; e outros/as 2 entre o persoal técnico e administrativo grazas aos 41 apoios que conseguiu, dun total de 61.
O resto da representación sindical complétana 3 delegados/as da UGT (os 3 no colexio de especialistas, onde colleitou 58 votos) e 2 de CCOO (1 en especialistas -no que sumou 25 apoios- e 1 entre o persoal técnico e administrativo, ao lograr 20 votos).
No anterior proceso de eleccións sindicais a CIG fóra tamén a organización máis votada, aínda que non por maioría absoluta como nesta ocasión. Hai catro anos o comité de empresa estaba integrado por 9 representantes, dos que a CIG obtivera 4, CCOO 3 e UGT 2.
Dende a CIG-Industria de Ourense agradecen a confianza depositada polo cadro de persoal de Rodríguez López Auto no proxecto que representa a central sindical e consideran o apoio recibido un recoñecemento á loita colectiva levada a cabo durante a folga convocada hai dous anos no sector do siderometal da provincia en defensa dun convenio digno.
Rodríguez López Auto, con sede no polígono de San Cibrao das Viñas, conta con máis de 300 persoas traballadoras e dedícase á fabricación de vehículos especiais, como ambulancias civís e militares, vehículos de rescate ou de distintos corpos policiais.