A CIG faise coa maioría absoluta nas eleccións sindicais dos supermercados Moldes de Pontevedra
A CIG-Servizos de Pontevedra gañou con maioría absoluta as eleccións sindicais que se veñen de celebrar na empresa Victoriano Moldes Ruibal, que xestiona a rede de supermercados Moldes, propiedade do grupo Froiz. A central logrou 7 dos 13 delegados/as do comité provincial grazas aos 181 votos colleitados entre o cadro de persoal.
Deste xeito, a federación de Servizos da CIG de Pontevedra mellora os resultados do anterior proceso electoral, nos que obtivera 5 representantes, o que lle permite desbancar a Fetico da presidencia do comité (tamén contaba con 5 representantes, pero liderou o comité grazas ao apoio dos 3 delegados/as da USO).
A representación dos 442 traballadores/as de supermercados Moldes na provincia de Pontevedra complétase con 2 delegados/as de Fetico (55 votos), 2 da USO (52 votos), 1 da UGT (36 votos) e 1 da CUT (20 votos).
Dende a CIG-Servizos agradécenlle ao cadro de persoal a confianza depositada na candidatura da CIG e adiantan que continuarán a loitar na defensa dos dereitos e na mellora das condicións de traballo do conxunto dos empregados/as, “agora con máis forza se cabe despois do amplo respaldo obtido entre os traballadores/as”.