A CIG faise coa maioría absoluta na compañía viguesa Edelne a primeira vez que se escollía comité
A federación de Industria da CIG de Vigo logrou a maioría absoluta nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar en Edelne, compañía que realiza montaxes eléctricos e mantemento de rede para Naturgy, ao obter 3 dos 5 representantes a primeira vez que se escollía comité.
A central sindical fíxose coa maioría da representación ao sumar 31 votos no colexio de especialistas, fronte aos 9 obtidos pola UGT, que lle valeron para sumar 1 delegado/a neste colexio. No de persoal técnico e administrativo só presentou candidatura o sindicato estatal, que colleitou 8 votos e 1 representantes. Dende o anterior proceso electoral, celebrado hai catro anos, a UGT ostentaba a totalidade da representación, con 3 delegados/as de persoal.
Nas eleccións celebradas agora participaron 52 dos 54 traballadores/as da empresa con sede en Sárdoma. Un total de 31 apoiaron a candidatura da CIG, mentres que 17 foron para a UGT. Tamén se contabilizaron 2 votos en branco.
Dende a CIG-Industria agradecen o apoio maioritario amosado polo cadro de persoal de Edelne ao proxecto que representa a central sindical e adiantan a súa disposición a loitar pola mellora das condicións de traballo e na defensa dos dereitos laborais do conxunto dos empregados/as.