A CIG-Extel acusa a empresa de xogar coa saúde do persoal ao permitir ampliar o teletraballo só a quen cumpra certos requisitos
A representación da CIG en Extel CRM, empresa do sector dos centros de chamadas con sede na Coruña, denuncia que a dirección está a xogar coa saúde do cadro de persoal ao permitir ampliar o teletraballo só a aquelas/es traballadoras/es que cumpra unha serie de requisitos. Dende a central cualifican esta proposta “supostamente voluntaria” como “unha chantaxe e unha discriminación intolerábel”.
Na comunicación remitida pola compañía pertencente a ABAI Group, subcontrata de Telefónica-Movistar, infórmase ao cadro de persoal da posibilidade de ampliar a modalidade de teletraballo até o vindeiro 31 de decembro, pero sempre e cando se trate empregadas/os que teñan xornada completa ou que a vaian ter até esa data.
O teletraballo é unha medida preventiva puntual pola grave crise sanitaria, non un premio
Para iso marcan unha serie de requisitos, como non solicitar excedencias ou suspensións de contratos durante este período, non gozar de máis dunha semana de vacacións no que queda de ano e cumprir os obxectivos establecidos na campaña de Telefónica. “En ningún momento a empresa se puxo en contacto coa representación legal das traballadoras/es para acordar o contido desta proposta vergoñenta”, aclaran dende a CIG.
Diante disto, tanto a central como o comité de empresa trasladáronlle ao cadro de persoal o seu “contundente e profundo” rexeitamento ao considerar que se trata dunha chantaxe e non dunha opción real, “ademais de ser claramente discriminatoria con aquelas persoas que por diferentes razóns non teñen ou non poden asumir unha xornada completa”.
Medida de extorsión
Entenden que con este xeito de actuar a compañía obriga o persoal a renunciar aos dereitos laborais legalmente establecidos e lembran que o teletraballo “é unha medida preventiva ante a grave crise sanitaria e social que vivimos, e en ningún caso pode ser unha medida de extorsión por parte da empresa”.
Diante disto, reclaman un plan para os próximos meses “onde os nosos dereitos non estean secuestrados e a saúde de todas/os sexa o fundamental”, ao tempo que queren deixar moi claro que non van aceptar chantaxes por parte da nova dirección de Extel, “que pretende utilizar a saúde como moeda de cambio”.
“A empresa está a xogar coa saúde de máis 650 traballadores/as, xa que se non cumpren o que piden terán que volver ao centro de traballo, que a día de hoxe non ten medidas para garantir a seguridade de todas/os; na CIG temos moi claro que o teletraballo é unha medida preventiva puntual nesta situación de pandemia, non un premio como pretende vender con chantaxes ABAI Group coa complicidade de Telefónica”, rematan.