A CIG-Extel denuncia o deterioro das condicións laborais e a perda de emprego na plataforma da Coruña
A sección sindical da CIG en Extel reuniuse esta mañá co grupo municipal do BNG na Coruña para trasladarlle a situación laboral na empresa e retomar así os contactos institucionais na defensa dunhas condicións de traballo dignas. Cómpre lembrar que no ano 2015 o pleno do Concello da Coruña aprobara de xeito unánime unha moción neste sentido, mais seis anos despois, e tras o cambio de propiedade, a situación na plataforma vai a peor.
A representación da CIG sinala que Extel Contact Center S.A.U, pertencente a Abai Group, é un dos centros de traballo máis grandes da cidade, xa que nestes momentos conta con arredor de 620 traballadoras/es que prestan servizos para diversas campañas do atención ao/á cliente de Telefónica-Movistar.
Aínda que a precariedade laboral nesta empresa, e no sector en xeral, non é unha novidade, no último ano houbo un empeoramento paulatino das condicións laborais e un deterioro dos dereitos "por mor de varias decisións empresariais dos novos propietarios (Abai Group), que redundaron nun maior prexuízo do centro de traballo da Coruña e do seu cadro de persoal".
Falta de contratación, presións e incumprimentos da empresa
Entre outras cuestións, salientan a falta de contratación na plataforma da Coruña, provocando unha diminución continuada do cadro de persoal (en cinco anos pasouse de ter 1200 traballadoras/es a contar agora coa metade), mentres que noutras plataformas do grupo si se están a facer novas contratacións.
Isto acontece a pesar de que a carga de traballo vai en aumento, e para facer fronte a este incremento da actividade, a empresa aplica "métodos de traballo dignos de tempos pretéritos, creando deste xeito unha situación psicosocial de moi alto risco", denuncian. Dita situación "é acreditada cada vez que se avalían os riscos psicosociais, con nefastos resultados e nulas medidas por parte da empresa para reverter a situación. Lonxe disto, a carga de traballo e as presións increméntanse".
Xunto a isto, as delegadas e delegados da CIG denuncian o incumprimento reiterado por parte da dirección de acordos alcanzados co comité, tales como o acordo de vacacións; o incremento da presión ás teleoperadoras e teleoperadores para cumprir cos obxectivos de vendas e/ou consecución de datos cada vez máis imposíbeis de acadar; a falta de formación adecuada; os despedimentos e sancións inxustificadas para meterlle medo ao persoal; ou as dificultades para a conciliación laboral e familiar.
Ademais, Abai Group incumpriu en varias ocasións o dereito de consulta e participación que a lei lle outorga á representación legal das traballadoras e amosa un total desinterese por "tratar de emendar a situación, facendo oídos xordos a todas as peticións realizadas pola representación legal das traballadoras en distintas xuntanzas".
Deriva da situación laboral
"Observamos con gran preocupación a deriva da situación laboral do centro de traballo na Coruña, interpretando as intencións de Abai Group coma unha política premeditada de ataque a este centro de traballo, no que cómpre lembrar que máis do 80% do cadro de persoal son mulleres", advirten.
No camiño de reverter esta realidade, a sección sindical da CIG retomou os contactos cos grupos municipais co obxectivo de levar unha nova moción ao pleno do Concello para dar visibilidade á situación laboral neste centro de traballo e instar a corporación municipal a apoiar as reivindicacións do persoal e a que medien ante a empresa na procura dunhas condicións laborais e salariais dignas.