A CIG expresa a súa satisfacción coa sentenza do TXUE que anula os acordos comerciais sobre os recursos do Sáhara Occidental
A CIG felicita a Fronte Polisario e fai pública a satisfacción pola recente sentenza do Tribunal de Xustiza Europeo que anula os acordos comerciais entre a UE e Marrocos. Unha sentenza que, como vimos denunciando dende hai tempo, confirma a ilegalidade destes acordos que, polo tanto, deben darse por anulados. Estes acordos representaron unha explotación e saqueo colonial ilegal, como xa sinalaban sentenzas anteriores, dos recursos naturais estratéxicos e bens comúns que son propiedade do pobo saharauí e que deben estar baixo a soberanía e o control da República Árabe Saharauí Democrática (RASD) .
A CIG valora moi positivamente que o Tribunal de Xustiza Europeo (TXUE) teña estabelecido xurisprudencia, e un firme precedente para a propia Unión Europea e os seus Estados membros, ao recoñecer á Fronte Polisario, lexítima representante do pobo saharauí, como movemento, como interlocutor prioritario da liberación nacional para a independencia e a total soberanía do Sáhara Occidental.
A resolución do TXUE constitúe unha gran derrota para a monarquía colonialista marroquí e para Francia, o seu gran aliado colonial. Pero tamén para o Goberno do Estado español, a potencia administradora que, lonxe de recoñecer os dereitos do Sáhara Occidental sobre os seus recursos, o seu dereito á autodeterminación, e ignorando as resolucións de diferentes organismos internacionais, como a propia ONU, deixou a súa antiga colonia abandonada coa súa recente decisión unilateral de poder formar parte, como rexión autónoma, do Reino de Marrocos.
Por todo isto, a CIG reclámalle ao Goberno español, á Unión Europea e aos seus Estados que cumpran dita sentenza, anulen de inmediato os acordos comerciais con Marrocos que afectan aos recursos do Sáhara Occidental, así como que se apliquen as resolucións internacionais para levar a cabo, dunha vez por todas, o Referendo de Autodeterminación.
Un proceso de autodeterminación que culmine coa independencia e o recoñecemento como nación da República Árabe Saharauí Democrática, o cese das hostilidades e a represión por parte do Goberno marroquí, o regreso do pobo saharauí ao seu territorio e a inmediata liberación de todas e todos os presos políticos que aínda permanecen nos cárceres marroquís.