A CIG expresa a súa preocupación polo deterioro da saúde dos presos políticos saharauís en Marrocos
A CIG denuncia, máis unha vez, a situación pola que están a pasar os presos e presas políticos/as saharauís, nomeadamente as persoas activistas de GdeimIzic repartidas nos cárceres marroquís, polo grave deterioro que está a sufrir a súa saúde logo de 22 días de folga de fame ininterrompida. Unha folga iniciada para esixir o fin das medidas ilegais e inhumanas que se lles veñen aplicando e que pode causar danos permanentes e irreparábeis para a súa saúde física e mental, xa de por si deteriorada, logo de tantos anos de cadea en condicións desastrosas.
A CIG denuncia o desprezo dos dereitos humanos dos presos políticos saharauís polas autoridades penitenciarias de ocupación marroquís, así como a falta de atención médica e dunha nutrición axeitada, ademais da privación dos dereitos de visita das súas familias con regularidade e sen restricións, sufrindo malos tratos e torturas, como acreditan organizacións na defensa dos dereitos humanos como Amnistía Internacional ou Human Rights Watch.
Lembra que estas persoas se enfrontan a condenas que van desde os 20 anos até a cadea perpetua, logo de xuízos con tribunais militares arbitrarios sen un mínimo de garantías e cheos de irregularidades. Lembra ademais que estas persoas foron condenadas só por protestar pacificamente contra a continua marxinación do pobo saharauí no seu propio territorio, ocupado por Marrocos, que segue sen cumprir as resolucións da ONU e boicoteando a celebración do Referendo de Autodeterminación para o Sáhara Occidental.
Prisioneiros enterrados con vida
A situación parece aínda máis alarmante ao coñecer, por distintos medios de comunicación, a denuncia feita pola activista de dereitos humanos Aminetu Haidar, que nunha entrevista concedida en Alxer, declarou que Marrocos asasinou e até enterrou aínda con vida a prisioneiros saharauís, en contra da versión que mantiña que morreran na prisión de Samara.
Mentres, Marrocos segue explotando os recursos dos territorios ocupados do Sáhara Occidental (a pesar de que xa hai sentenzas claras ao respecto de tribunais internacionais) e incumprindo de xeito reiterado as resolucións internacionais.
A CIG quere amosar a súa solidariedade co pobo saharauí, demandar do goberno do Estado español e as institucións europeas e internacionais que tomen cartas no asunto e que, dunha vez por todas, se celebre ese referendo que xa estaba acordado permitindo ao pobo saharauí decidir sobre o seu futuro, no camiño da liberación e efectivización da xa proclamada República Árabe Saharauí Democrática (RASD).