A CIG exíxelle ao Concello de Miño que sancione a empresa do SAF polo incumprimento dos pregos

Os Ventos carece da infraestrutura e medios requiridos, falta material e roupa de traballo e hai un claro deterioro do servizo que se presta
Miño - 16 Dec 2025

A CIG denuncia a situación na que está o servizo de Axuda no Fogar do Concello de Miño dende a entrada da nova empresa adxudicataria e demándalle ao Goberno local que actúe de inmediato para garantir os dereitos das persoas traballadoras e das persoas usuarias.

O pasado 1 de decembro entrou a prestar este servizo a empresa Os Ventos Innovación en Servizos e dende o primeiro momento está incumprindo o estabelecido nos pregos de condicións en canto á infraestrutura e medios cos que ten que contar. “Non hai oficinas da empresa no concello de Miño, nin coordinadoras do servizo presentes no municipio. Hai falta de material para traballar e de roupa de traballo en condicións”, advirte Francisco Cartelle, da CIG-Servizos de Ferrol.

Servizo "desastroso"

Critica ademais que o servizo que se presta “é desastroso” para as persoas usuarias e que non se respectan os dereitos laborais das traballadora. Cualifica de “intolerábel” que o Concello lle permitira a Os Ventos comezar co servizo nesas ocasións “cando tiveron tempo dabondo para comezar en condicións adecuadas, pois a empresa coñecen dende hai meses que resultou gañadora do concurso.

Por iso, a CIG exixe do Goberno local que actúe, cumpra co recollido nos pregos e proceda a sancionar a empresa polos incumprimentos das condicións do servizo. Engade Cartelle que “a CIG e as traballadoras non imos consentir o máis mínimo incumprimento da lei por parte de Os Ventos nin imos permitir que o Concello peche os ollos diante destes”.

Menos aínda, cando a empresa pretende culpabilizar as traballadoras polo nefasto servizo que se está a prestar. As traballadoras non están dispostas a que o servizo e as condicións laborais retrocedan “a épocas pasadas que xa deberan quedar desterradas deste concello”; e advirten que, de non adoptarse medidas urxentes, emprenderán as accións que consideren oportunas para que se garanta o cumprimento da legalidade vixente e se respecten os dereitos laborais e os dereitos das persoas usuarias do SAF.