A CIG exíxelle a EULEN a readmisión da delegada de persoal do SAF de Narón despedida de xeito improcedente
A actual empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Narón, EULEN, acaba de despedir a unha integrante do Comité coa escusa de que non é apta para desenvolver o seu traballo por cuestións médicas.
A actual empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Narón, EULEN, acaba de despedir a unha integrante do Comité coa escusa de que non é apta para desenvolver o seu traballo por cuestións médicas.
Este argumento, explica Cristina Martínez Padín, da CIG-Servizos de Ferrol, xa foi declarado improcedente polo Xulgado do Social nunha sentenza na que quedou probado que a causa esgrimida pola empresa para despedir a traballadora "non é certa. É máis, hai varias traballadoras na mesma situación médica ás que se lle ten adaptado o posto sen ningún tipo de problema".
Pero aínda que quedou evidenciado que o motivo alegado é falso, EULEN optou por indemnizar a traballadora "condenándoa ao desemprego".
Para Martínez Padín esta actitude de EULEN "non fai máis que confirmar o verdadeiro motivo do despedimento, que non é outro que a súa actividade sindical que desenvolve a compañeira". Critica que a empresa reprima a quen loita polos intereses das traballadoras e que aproveite calquera oportunidade, "por moi inxusta e falsa que sexa, para tentar danar o traballo sindical nesta empresa. EULEN volve novamente a reivindicarse como o mais rancio do empresariado neste e noutros sectores".
A respecto da sentenza, a CIG-Servizos salienta que está recorrida, ao entender que a elección de continuar no seu posto correspóndelle á traballadora. Ademais da resposta xudicial, tamén haberá resposta sindical contra este ataque a unha representante do persoal "até acadar a readmisión da compañeira".
Mobilización o martes 11
A primeira mobilización terá lugar o vindeiro martes, 11 de xuño, cunha concentración ás 13:00 horas diante das oficinas de Eulen en Narón. A CIG lanza un chamado á cidadanía a apoiar esta protesta "porque estamos falando de defender as traballadoras que prestan un servizo público fundamental para a sociedade como é o de coidar as persoas maiores e as persoas dependentes".
Por outra banda, a federación critica que o Goberno do Concello de Narón eluda a súa responsabilidade como titular dun servizo público como é o do SAF e consinta que se executen despedimentos improcedentes, alegando que os pregos non os impiden. "É evidente que cando o Goberno municipal redacta os pregos non está a pensar no persoal traballador nin nos seus dereitos, senón na comodidade das empresas e no menor custe posíbel do servizo".