A CIG exixe garantías a MUFACE na atención ás persoas mutualistas e beneficiarias

Na reunión extraordinaria do Consello Xeral de MUFACE a entidade non achegou máis información que a confirmación de que haberá un novo concurso
Nacional - 08 Nov 2024

MUFACE convocou, con carácter extraordinario, unha reunión do seu Consello Xeral e da súa Permanente, órganos dos que a CIG forma parte como sindicato máis representativo en Galiza. A reunión respondeu á noticia de que as tres aseguradoras privadas actualmente con concerto sanitario (ADESLAS, ASISA e DKV) non se presentaron ao concurso, quedando deserto.

Na reunión, MUFACE comunicou que “abrirá unha nova licitación” e que “o Estado ten mecanismos para que se siga prestando a asistencia sanitaria nas mesmas condicións”, pretendendo lanzar unha mensaxe de “tranquilidade”.

A CIG deixou ben claro na súa intervención que, sendo o modelo que defende o sindicato o da sanidade pública, hai cuestións que deben garantirse en todo momento para o conxunto das persoas mutualistas obrigatorias e dos seus beneficiarios, unha cifra que no caso de Galiza chega ás 101.030 persoas.

MUFACE debe garantir a prestación sanitaria e asistencial a mutualistas e beneficiarios coas mesmas condicións que aparecen no concerto en vigor, algo que xa a día de hoxe non se fai, xa que nestes anos os e as mutualistas sofren un claro incumprimento, con baixa calidade na atención sanitaria que reciben e trabas burocráticas para acceder a servizos que teñen recoñecidos. Lamentabelmente constatamos que, en ocasións, MUFACE está aliñada coas empresas e mesmo obriga a mutualistas a acudir ao xulgado para que se lles atenda como en dereito lles corresponde.

En datas recentes, desde que comezou a campaña de presión das aseguradoras para conseguir un maior financiamento, temos detectado como se están adiando citas para probas diagnósticas coa escusa da incerteza do que vaia acontecer a partir de xaneiro.

A CIG considera que a suba ofertada por MUFACE, moi superior ás que se viñan producindo con anterioridade, non garante que se destine ao que debería. Xa as subas anteriores non serviron para mellorar a atención sanitaria, con melloras dos cadros médicos e a atención hospitalaria, senón para aumentar o lucro das aseguradoras que, neste momento, redobran a súa presión. Neste sentido, a nova licitación anunciada na reunión por MUFACE ou ofrece garantías de que haberá un maior control sobre as aseguradoras ou será un novo cheque para que medren as súas marxes de beneficios.

Detrás de todo isto está, considera o sindicato, unha estratexia de derivar usuarios á sanidade privada, coa contratación de seguros privados, algo que vai na liña do que se observa nos últimos anos, cun medre moi elevado do contrato deses produtos de atención privada. Non é casualidade que sexa neste momento, tras anos de incremento de pólizas privadas, cando aquelas aseguradoras que sempre viron en MUFACE un negocio apetecíbel, anuncien que poden renunciar a el: renuncian porque xa teñen consolidado outro negocio que lle interesa máis.

O sistema público de saúde como mellor opción, asumindo medidas e  mantendo dereitos

A posibilidade do paso de todo o funcionariado ao sistema público non pode ser realizado con improvisación e sen garantir os dereitos do persoal funcionario nin este pode provocar maiores tensións das que actualmente sofre o sistema público. Non pode ser tampouco un xogo entre os diferentes Ministerios, con mensaxes contraditorias, e as empresas aseguradoras, mantendo no medio como reféns a miles de empregados e empregadas públicas.

Se a opción do actual goberno é manter a oferta actual debe ser, como advertimos, con todas as garantías e dereitos e atando en curto ás empresas aseguradoras. Se a opción é optar pola prestación no sistema público debe afrontalo publicamente, cun plan a medio prazo para dotar a sanidade pública de todos os recursos humanos e asistenciais necesarios para o importante incremento que suporía, só no caso de Galiza, que máis de 63.000 persoas afiliadas a MUFACE pasasen ao SERGAS. Se non se tomasen medidas previas, estariamos diante dun problema enorme que afectaría por igual a toda a poboación galega polo aumento de listas de espera como resultado dunha aínda maior saturación do sistema.