A CIG exixe ao Goberno de Chile que poña fin á violencia e represión contra o pobo Mapuche
A CIG manifesta a súa solidariedade co pobo mapuche e as súas presas e presos políticos. Exixe que o Goberno de Chile poña fin á represión e violencia policial e institucional contra a poboación indíxena e que cumpra o convenio 169 da OIT e a Declaración de Nacións Unidas sobre os pobos indíxenas. Súmase ás mostras de preocupación pola saúde do machi Celestino Córdova, que acaba de pór fin á folga de fame que mantivo durante 107 días, tras acadar un acordo co Executivo. A central sindical reclama ademais o recoñecemento do dereito de autodeterminación para o pobo mapuche.
O machi Celestino Córdova, preso político en Chile, iniciou o pasado 4 de maio unha folga de fame en demanda do cumprimento do convenio 169 da OIT. Canda el, outros 27 presos políticos mapuches -moitos deles en prisión preventiva prolongada ou con condenas en aplicación da lei antiterrorista chilena, só por defender os seus dereitos como pobo- sumáronse á folga.
Son unha parte do grande número de persoas que hai nos cárceres de Chile relacionadas con delitos de carácter político, froito dunha herdanza pinochetista aínda non erradicada, como en España co franquismo.
As consecuencias que poidan derivar para o estado físico do machi e o resto de persoas en folga serán responsabilidade do Presidente Piñera e o seu goberno, por non acceder en tempo á lexítima petición que, sobre todo diante da situación creada pola pandemia da COVID19, se lle fixo chegar. Unha solicitude de liberdade ou medidas carcerarias alternativas, para poder exercer como líder espiritual que é do seu pobo, tal e como recolle o Convenio 169 da OIT (art. 5 e 6), sobre Pobos Indíxenas e Tribais, ratificado polo estado chileno.
Malia isto, a Corte Suprema rexeitou o recurso de amparo solicitado pola defensa do machi. Porén os tribunais si deixaron sen efecto as prisións preventivas que afectan a persoas imputadas polo asesinato do comuneiro mapuche Camilo Catrillanca, ou o imputado pola morte do estudante e comuneiro mapuche Alex Lemún e todos os implicados na nefasta “operación Huracán”. Unha operación que no seu tempo significou prisión preventiva para 6 comuneiros mapuche, con base en probas falsas. Como tamén concederon prisión domiciliaria a ex torturadores da DINA e asasinos membros das forzas armadas.
Violencia e represión
A situación é máis grave aínda se lle engadimos todos os capítulos de agresións racistas que o pobo mapuche está a padecer nestas últimas datas, tal e como denuncian organizacións como o Observatorio de DD.HH. e Violencia Policial, ou a Comisión Interamericana de Dereitos Humanos (CIDH), dependente da OEA.
Sen ir máis lonxe, o pasado 1 de agosto, a tan só 24 horas da visita do Ministro do Interior, Víctor Pérez á zona, civís armados de extrema dereita atacaron a civís mapuche e incendiaron as instalación nas que se agochaban en Curacautín, Curanilahue, Traiguen, Ercilla, Victoria e Collipullia, a plena vista dos carabineiros, que non fixeron máis que observar o que acontecía. O 2 de agosto foron atacados símbolos espirituais mapuches na Araucania. O 12 de agosto policía e paisanos ameazaron con armas de fogo a cidadáns mapuches en Río Negro. Na mañá do día 17 de agosto detiveron a un grupo de dirixentes mapuche nas proximidades de Máfil e trasladaron a algúns deles a Valdivia, aínda que despois foron liberados. Casos reiterados de violencia e represión como o asasinato -informado como suicidio- de dúas mulleres mapuche, Rosales Quiñelen e a súa filla, Rosa Quintana, que apareceron aforcadas na súa casa de Ercilla.
Mais isto non é novo para o pobo mapuche. Esta situación hai que enmarcala nun contexto histórico máis amplo de conflitos que enfronta a este pobo indíxena na rexión da Araucania chilena, derivados da discriminación estrutural que sofre pola súa demanda de que se recoñezan os seus dereitos territoriais ancestrais e de autodeterminación.
Agresión colonial
A nación mapuche soportou ao longo da historia todo tipo de agresións coloniais e violentas. Desde as daqueles conquistadores españois que provocaron un auténtico xenocidio na chamada AbyaYala, até as posteriores incursións depredadoras por parte do estado chileno (e arxentino), auspiciadas polo capital, que invadíu o seu territorio, espoliou os seus recursos e furtou a súa potestade de gobernar as súas terras. Agresións contra as que o pobo mapuche non deixou nunca de enfrontar a súa resistencia, como o fai agora contra as empresas transnacionais, o goberno de Piñera, a burguesía racista chilena e a forza represiva dos carabineiros.
Diante desta situación a CIG reitera toda a súa solidariedade co pobo mapuche. Reclama do goberno de Chile a liberación do machi Celestino Córdova e o resto de presos ou que permita que completen a condena na súa comunidade; o cumprimento do convenio 169 da OIT e a Declaración de Nacións Unidas sobre os pobos indíxenas; que se poña fin tanto á represión como a violencia contra a poboación indíxena e que se recoñezan os seus dereitos territoriais ancestrais e de autodeterminación.
Basta xa de violencia e represión ao pobo mapuche!
Non máis presos/as políticos/as!
Dereito de autodeterminación para o pobo mapuche!