A CIG exixe á Xunta a negociación urxente das condicións de traballo do persoal de incendios e das brigadas helitransportadas
Rematando o mes de agosto as novas brigadas helitransportadas e outro persoal funcionarizado seguen aínda sen regular. A CIG-Administración Autonómica denuncia que a consellaría de Medio Rural e Función Pública incumpren así o Estatuto Básico do Empregado Público e a propia norma galega (LEPG) ao ter ao persoal traballando sen Acordo de condicións laborais e fóra do V Convenio Colectivo Único. Por iso exixe á Xunta a negociación urxente das condicións de traballo do persoal de incendios e das brigadas helitransportadas ante a disparidade de criterios entre as bases.
A CIG-Administración Autonómica vén denunciando esta situación desde hai meses. “Ao comezo da campaña de verán pedimos amparo a Valedora do Pobo que respondeu o 18 de xullo co acto de admisión a trámite e anunciou de inicio de actuacións, no que solicitou informe á Dirección xeral da Función Pública e a Consellería do Medio Rural”, explica Aser Tobío, responsable da asesoría xurídica da CIG-Administración Autonómica e coordinadora na CIG persoal do SPIF. “Máis parece que asubían para arriba xa que aínda non temos convocatoria para apertura do proceso negociador e co aumento da carga de traballo ante os lumes forestais a situación tórnase insostible, como era de esperar”, engade.
A CIG-Administración Autonómica asegura que cada provincia está a impor horarios diferentes diferindo mesmo entre bases e distritos. Canda isto subliña que a día de hoxe o persoal das brigadas helitransportadas “non sabe cales van ser as súas condicións ao remate da campaña de verán, nin horarios, nin funcións e traballos”. Denuncia ademais que se estableceron na relación de postos de traballo prazas itinerantes sen compensacións e sen ter negociado as condicións laborais como as/os emisoristas destas bases.
Para Tobío esta situación débese a que a Consellería de Medio Rural creou as novas brigadas helitransportadas “ás presas e obviando a necesaria negociación colectiva das condicións de traballo que se segue a negar a tratar”. Neste sentido matiza que o persoal xa tiña dereito a saber as condicións laborais antes de aceptar os chamamentos para poder optar aos novos postos con toda información e pregúntase se “alguén se imaxina que podas estar a traballar na Xunta de Galicia sen convenio, ou (o que é o mesmo para o persoal funcionario), sen acordo de condicións laborais”.
Presentación de denuncia
Ante isto, a CIG Administración Autonómica vén de reiterar a solicitude de negociación. Adianta que de non se atender esta esixencia e, “ante a teima da consellería en permanecer na ilegalidade”, presentará denuncia e solicitará responsabilidades aos titulares da consellería que teñen ao persoal traballando cunha prestación de servizo especial e con tanto risco sen condicións laborais.