A CIG exixe o incremento do SMI a 1150€ coa ratificación da Carta Social Europea e os seus protocolos
O informe de Ingresos Salariais en Galiza en 2019, elaborado polo Gabinete Técnico de Economía da CIG, constata o incremento das desigualdades entre as persoas asalariadas, a importante perda de poder adquisitivo e o alarmante avance da precariedade na clase traballadora galega. Unha situación fronte á que o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, reclamou –máis alá da necesaria derrogación das reformas laboral, da negociación colectiva ou das pensións- que todas as políticas públicas camiñen cara acadar condicións de vida dignas e camiñar cara unha saída galega e xusta da crise.
O secretario xeral da CIG asegurou que “cada día que pasa máis sectores da clase traballadora galega son pobres, aínda que manteñan un emprego”, porque 9 de cada 10 contratos son temporais, máis de medio millón de persoas, o 20% da poboación galega, ou están en risco de pobreza ou xa están na pobreza severa”. Unha cifra que aumentou respecto do ano anterior en 1,2 puntos e que leva a que a provincia de Ourense sexa a que encabeza estes indicadores.
A isto engadiu que atendendo ás enquisas publicadas polo INE sobre condicións de vida, o 47,20% das familias galegas, de acordo aos indicadores de condicións económicas e demais indicadores que manexa o informe AROPE, “habitan ou viven en condicións inseguras e insalubres”. Ademais, o 20% destas familias teñen como sustento fundamental o que ingresan as mulleres.
Elevar o SMI até os 1.150 euros
Por iso, defendeu a necesidade de que se incremente o SMI, atendendo ás recomendacións da Carta Social Europea, segundo a que tería que ser de, cando menos, o 60% do salario medio, que está en 1.917€ segundo o INE, o que o situaría nos 1.150€. Unha proposta que a CIG xa defendía en 2016 cando o SMI debería de estar en 940€.
Considerou que “levamos 5 anos de atraso” e que é “lamentable” que se sitúe novamente este asunto no Diálogo Social, cando “o que temos é que aplicar dunha forma clara e inequívoca o que establece a lexislación, o que establece a Carta Social Europea”. Denunciou ademais que nos Orzamentos Xerais da Estado xa se contemplaba a conxelación do SMI e advertiu que “aqueles que están no diálogo social, UGT e CCOO, xa no ano 2017 tiñan asindo un acordo, daquela co goberno do PP, onde se situaba, no mellor dos casos, o SMI en 850€ para 2020”.
Xunto a ratificación do Estado español da Carta Social Europa revisada ao texto do ano 1996, que está en marcha, demandou tamén a ratificación de todos os protocolos de reclamación colectiva que existen desde o ano 1995 porque “o goberno español non os quere incluír na súa ratificación”, denunciou.
Negociación colectiva
Tal e como explicou Carril, para poder combater a pobreza laboral e dignificar as condicións laborais e salariais, a negociación colectiva xoga un papel fundamental. Por iso, o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, denunciou a súa paralización xa que, mentres a esta altura, o pasado ano se negociaran 152 convenios, que atinxían a 205.000 traballadores e traballadoras, este ano só se negociaron a metade, que atinxiron a 77.000, menos da metade.
Sinalou que houbo unha prevalencia dos convenios de empresa e que isto se traduciu en Galiza en incrementos salariais un 0,3% inferiores e xornadas de 4 horas máis de media anual ou de 8 horas máis no caso dos convenios de sector, respecto da media estatal.
Denunciou as dificultades que está poñendo a patronal para avanzar na negociación colectiva imposibilitando a realización de asembleas, o reparto de información nos centros de traballo ou substituíndo as xuntanzas físicas por un modelo telemático, o que dificulta a comunicación coas traballadoras e traballadores, cando estas cuestións poderían manterse garantindo as necesarias medidas de prevención.
A isto engadiu a limitación da negociación colectiva por parte dos sindicatos españois e a patronal, por supeditalo todo ao diálogo social “furtando o dereito das traballadoras e traballadores galegos a negociar desde Galiza as súas condicións laborais”.
Plataforma de mínimos
Fronte a isto presentou a plataforma de mínimos da CIG, que ten especialmente en conta as situacións que se están a vivir nos centros de traballo por mor da pandemia, en cuestións como a necesidade de prestar especial atención a todo o que ten que ver coa adaptación de xornada para a atención da poboación vulnerable, nomeadamente maiores e crianzas, coas solicitudes de coidados; de redución de xornada; xornadas intensivas ou licenzas remuneradas.
A plataforma contempla tamén compensacións de salario nas continxencias comúns e nas corentenas derivadas da COVID porque isto está provocado unha perda de salario por parte das traballadoras e traballadores ou medidas para que as traballadoras e traballadores eventuais, que perderon os seus postos de traballo na primeira parte da crise sanitaria, recuperen os seus empregos.
Canto aos ERTES, subliñou os grandes problemas que houbo, e que se repetiron nesta segunda vaga, cos atrasos dos pagos e considerou que ten que se negociar tanto a compensación ao 100% como o pago inmediato, porque “hai traballadores que levan meses sen percibir esa contía tan necesaria para vivir”.
Xunto a isto demandou o control das novas formas de explotación laboral que provocan que un 60% da clase traballadora galega estea por debaixo dos 15.000€ de retribución anual. Por iso considerou imprescindible ter un especial control das ETTs; da contratación a tempo parcial; a prohibición das empresas multiservizos ou a obriga de que se aplique nos Centros Especiais de Emprego o convenio de sector e na subrogación.
Ademais apuntou a necesidade de contemplar medidas que reduzan a xornada laboral para posibilitar un reparto do tempo de traballo e poder baixar a taxa de paro e, no relativo aos salarios apuntou, por unha banda o problema dos convenios, a maioría deles de ámbito estatal, que aínda non aplican o SMI actual porque teñen as táboas salariais sen actualizar e no que ten que ver coas cláusulas de garantía salarial. E pola outra, que este ano vai acabar co IPC en negativo pero se prevé unha suba do PIB no momento no que a vacina comece a funcionar e a actividade volva a normalidade.
Neste sentido advertiu que se podería producir un incremento do IPC e “se non hai cláusulas de garantía salarial haberá unha elevada perda de poder adquisitivo por parte da clase traballadora”.
Os datos do Informe
O informe realízase anualmente a partir dos datos oficiais recollidos no estudo “Mercado de Traballo e pensións nas fontes tributarias”, publicado pola Axencia Tributaria que, tal e como especificou Carril, toma como base a declaración anual que están na obriga de presentar todas as entidades que pagan salarios, pensións ou prestacións por desemprego, incluídas as administracións públicas.
Destes datos tírase que durante o último ano, comparado co 2009, os ingresos salariais aumentaron respecto dese ano un 9,1% pero neste mesmo período o IPC ten medrado un 12,7% polo que se produciu unha perda real de poder adquisitivo de arredor de 3,6 puntos. “Unha perda de ingresos reais que non ten a mesma repercusión dependendo do intervalo de ingresos onde se sitúen as persoas”, dixo.
Medre das desigualdades
No ano 2009 os ingresos dunha persoa asalariada do tramo máis alto (máis de 10 veces o SMI), equivalían a 66 veces os dunha persoa asalariada do tramo inferior (menos da metade do SMI). Porén “dez anos despois, a diferenza é de 1 a 96, 30 puntos máis”, salientou Carril.
Xunto a isto subliñou que o 58,5% da poboación asalariada reparte o 29,5% da masa salarial e as persoas de ingresos inferiores á metade do salario mínimo pasaron de ser o 16,5 a ser o 17,72% e o grupo con salarios inferiores ao SMI pasou do 29,9% en 2018 ao 34,4 en 2019. No lado oposto redúcese do 0,3 ao 0,2 o grupo de maiores ingresos.
Apuntou que, se ben até o ano 2019 o grupo máis numerosos de asalariados/as estaba comprendido no tramo de ingresos de entre 1,5 e 2 veces o SMI, porén “en 2019 é no intervalo de entre 1 e 1,5 veces o SMI, preto dunha cuarta parte da poboación”.
A idade é un dos indicadores que marca, segundo explicou o secretario xeral da CIG, estas tendencias. “Ser unha persoa nova en Galiza é sinónimo de precariedade laboral. Calquera persoa nove que hoxe atope traballo está nunhas condicións precarias e, de feito, ata acadar os 36 anos non se acada o salario medio”.
En 2009 unha persoa menor de 18 anos que atopaba un traballo tiña uns ingresos en torno a 3.754 € anuais e en 2019 ten 1.995 €, un 54,2% menos”. As persoas traballadoras de entre 18 e 25 anos perderon un 12,6% de ingresos respecto dos mozos e mozas que tiñan esta idade hai 10 anos. Hai arredor dun 33% menos de traballadores/as que teñen menos de 35 anos, en parte polo declive demográfico mais tamén pola emigración.
Fenda salarial de xénero
No caso das mulleres, en 2019 os ingresos medios están en 17.511€ mentres que no caso dos homes en 22.038€ o que sitúa a fenda salarial de xénero no 20,5% que, se ben no ano anterior estaba no 21,5 o que non supón que melloraran as súas condicións salariais senón que ten que ver co descenso da ocupación, da perda de emprego e do empeoramento das condicións salariais entre os homes.
De feito, tal e como matizou Carril, os datos confirman que nos últimos 10 anos descendeu a ocupación masculina un 9,7% mentres que a feminina se incrementou nun 5% e que ese descenso da ocupación, nun 39,5%, produciuse precisamente nas actividades mellor remuneradas: Construción, Industria ou no sector financeiro. “Pola contra a actividade que rexistrou un maior incremento ocupacional foi a doutros servizos persoais e de ocio, onde medrou a ocupación un 36% nesta década. A rama cons ingresos salariais medios máis baixos, onde se concentra a pobreza laboral.