A CIG exixe a implicación real das Administracións para obrigar a Alcoa a cumprir os acordos
Ante a grave situación que está a crear Alcoa no incumprimento dos acordos, do que a CIG vén advertindo desde hai meses, a central nacionalista considera que é necesario e urxente adoptar toda unha serie de actuacións para garantir o futuro dos postos de traballo e do complexo industrial de San Cibrao. Neste camiño, a implicación real das Administracións Públicas resulta fundamental e imprescindíbel.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, asevera que os Gobernos español e galego non poden continuar na inacción "mentres Alcoa incumpre impunemente o pactado. É hora de actuar e deixarse de lamentos". Afirma que non é certo que non se poida buscar unha saída se Alcoa non ten vontade. "Ao contrario, sempre houbo que forzar a Alcoa e mesmo impedir que executara os seus plans de desmantelamento e despedimentos".
Pero para lograr este obxectivo, apunta Carril, "cómpre unidade de acción ante Alcoa dende bases claras e concretas e non sobre meras declaracións de intencións".
Iniciativas urxentes
No actual contexto, para a CIG son obrigadas as seguintes iniciativas e que se desenvolvan de xeito simultáneo:
1.- Alcoa debe cumprir xa os acordos, comezar o re-arranque das series e a execución dos investimentos no forno de ánodos. Así mesmo, a produción en Fundición no volume de toneladas comprometidas no Acordo de decembro de 2021 e un calendario para a plena operatividade da planta de Alúmina.
2.- As empresas eléctricas coas que Alcoa ten subscrito PPA deben ser realidade xa, atendendo á capacidade de xeración de electricidade destas empresas, á potencia e megawatios que xa teñen adxudicados e aos datos de exportación de electricidade de Galiza, que cada ano vai en aumento. Non podemos seguir soportando a ameaza permanente de paradas de produción e peches de empresas sendo Galiza unha potencia xeradora de electricidade. O prezo da electricidade non pode ser seguir sendo unha escusa para Alcoa.
3.- O Goberno español ten que garantir que nos próximos Orzamentos Xerais do Estado figuren as partidas para que se acade o máximo que permite a UE no pago das compensacións por CO2.
Así mesmo, no prazo máximo de 9 meses debe comprometerse coa aprobación das medidas reclamadas desde hai anos pola CIG e por todo sector -e que o Estatuto Electrointensivo non resolveu-, para ter dunha vez unha tarifa industrial estábel, predicíbel e competitiva, como xa dispoñen noutros Estados da UE.
Reiteramos a necesidade dunha tarifa eléctrica galega que contemple o estabelecemento dunha bonificación directa na factura eléctrica do 30% para as actividades económicas, tal e como a CIG leva anos reclamando. En datas recentes, o Consello Económico e Social de Galiza tamén fixo súa e aprobou esta demanda con ocasión do ditame sobre o Proxecto de Lei de beneficios sociais e económicos dos recursos naturais de Galiza, promovida polo Goberno galego.
4.- Resolución na maior brevidade do expediente da DBR por parte da Xunta de Galiza.
5.- Os Goberno galego e español deberán estudar todas as accións legais e institucionais para garantir o cumprimento por parte de Alcoa de todos e cada un dos compromisos recollidos nos acordos. En especial, o referido á execución dos investimentos para a construción do forno de ánodos.
Cómpre recordar que na negociación do primeiro acordo, en decembro de 2021, a CIG demandou que os Gobernos definiran as actuacións e instrumentos necesarios a levar adiante no suposto de que Alcoa se negase a executar as inversións. Daquela díxose que non era necesario e que se Alcoa paralizaba os investimentos, existían mecanismos para facer que os efectuara. Agora é o momento de que os Gobernos cumpran co afirmado durante as negociacións.
Neste sentido, desde a CIG temos claro que a intervención pública no complexo industrial e os mecanismos para facelo real deben ser o marco para garantir os investimentos, a continuidade do complexo industrial e de todos os postos de traballo tanto en Alcoa como nas empresas auxiliares.