A CIG exixe a aplicación do convenio provincial en Maitours, do Grupo Alsa, en cumprimento da lexislación laboral
O persoal de Maitours -Grupo ALSA-, en folga indefinida desde o pasado día 15 de xullo, concentrarase mañá martes, día 6 de agosto, ás 11:30 horas, diante do edificio da Xunta en Ferrol. A FGAMT-CIG reclama a inmediata aplicación do convenio provincial, nomeadamente en materia económica, para que se dea cumprimento ao que di a lexislación laboral: que ningún convenio de empresa pode estar por debaixo do provincial.
O servizo do transporte de viaxeiros/as por estrada de Ferrol e comarca préstao unha UTE formada por Maitours e Intercar. Aínda que ambas empresas pertencen ao grupo Alsa e o persoal realiza o mesmo traballo, Maitours aplica o convenio da extinta Tranvías de Ferrol, mentres que Intercar aplica o convenio provincial do sector, con mellores condicións económicas e laborais.
Esta diverxencia implica que, ademais de non ter as subas salariais recollidas no convenio provincial, o persoal de Maitours tampouco ten recoñecidos conceptos como dietas ou antigüidade. Isto supón que un traballador de Maitours con 18 anos de antigüidade está a cobrar arredor duns 1.200 euros brutos, o que provoca unha diferenza de entre 400 e 600 euros co resto do persoal ao que se lle aplica o convenio provincial.
Ningún convenio de empresa por debaixo do provincial
Examinada esta situación polos servizos xurídicos da CIG e a Inspección de Traballo, ambas as partes conclúen que a recente reforma laboral obriga a que se pague polo convenio provincial e non polo convenio de empresa, porque os salarios, tal e como contempla a nova lexislación laboral, non poden ser inferiores.
Porén, segundo explica Xesús Pastoriza, a empresa segue escudándose nunha sentenza anterior a esa reforma, ditada a raíz do conflito colectivo presentado pola negativa de Maitours a asumir as condicións contempladas no convenio provincial. A sentenza recoñece que o convenio polo que se debe regular Maitours é o do transporte de viaxeiros/as da Coruña, mais deixa a materialización deste cambio á súa publicación do convenio no BOP.
Pastoriza cuestiona, non xa que se incumpra a lexislación vixente, senón que mesmo se negue a equiparar as condicións económicas cando o que si que se publicaron foron as táboas salariais. “Entendemos que unha vez feita pública a parte económica tería que facerse efectivo de inmediato en materia de salarios, antigüidade, dietas e demais”.
Malia isto, non hai ningunha novidade na folga. “Tivemos unha mediación que durou unha hora, porque a empresa se negou a entrar nas cuestións económicas. Non se negociou nada, cando as partes están obrigadas a negociar de boa fe”, denuncia Pastoriza.
Por iso mañá levarán as súas protestas ao edificio da Xunta en Ferrol. “Entendemos que ese é un contrato da Xunta, pero a administración está desaparecida e ten que estar neste conflito porque ten responsabilidades”.