A CIG estuda reclamar no xulgado as indemnizacións por rescisión de contrato do persoal de Seaga que limpa as faixas contra incendios
Os servizos xurídicos da CIG estudan denunciar a empresa pública Seaga para reclamarlle o pago das indemnizacións pola rescisións de contrato do persoal que se encarga da limpeza das faixas de protección contra os lumes. Ao mesmo tempo, barallan presentar un conflito colectivo contra a Xunta e Seaga pola posíbel concorrencia dunha sucesión de empresas na operación de traspaso de traballadores/as da empresa pública ao servizo contra incendios.
Dende a CIG-Servizos lembran que o pasado 1 de agosto asinouse a acta final da negociación da modificación substancial de carácter colectivo das condicións de traballo presentada pola empresa pública Seaga para os traballadores/as destinados/as á limpeza das faixas de protección contra os incendios forestais.
As persoas que nos entregaron solicitudes de rescisión deben agardar a que as informemos, e se reciben algunha resolución de Seaga entregala na CIG
Segundo sosteñen, a negociación deu lugar a que Seaga tivera que aceptar as propostas da CIG, entre outras, as dirixidas a manter o soldo dos traballadores/as, garantir unha xornada ordinaria e regular e compensar as horas extras en certas situacións e en caso de excesos de traballo. Deste xeito, a central logrou parar o intento de precarizar aínda máis as condicións de traballo do persoal destinado á limpeza de faixas.
“Ademais, no acordo introducimos unha cláusula dirixida a garantir que os traballadores/as que se consideren prexudicados/as pola modificación substancial, poidan facer uso dos dereitos que lle confire o Estatuto dos Traballadores/as no que atinxe á opción de rescisión indemnizada”.
Deste xeito, a comezos de agosto a CIG puxo en marcha unha campaña para facilitar que o persoal que se sinta prexudicado poida solicitar a rescisión do seu contrato, con dereito a 20 días de soldo por ano de servizo, cun máximo de nove mensualidades.
Silencio administrativo
“Polo que sabemos, a Seaga non contestou aínda as solicitudes de rescisión rexistradas polos traballadores/as, circunstancia que equivale á denegación das mesmas". En consecuencia, a asesoría xurídica da central está a estudar responder a este silencio da empresa, por unha banda, mediante a presentación dunha demanda plural en Santiago (sede da empresa) contra Seaga, “reclamando o pagamento das indemnización de todos/as os traballadores/as que nos entregaran as copias das solicitudes de rescisións”.
E pola outra, a través da presentación dun conflito colectivo contra a Xunta e Seaga pola posíbel concorrencia dunha sucesión de empresas na operación de traspaso de traballadores/as da Seaga ao servizo de incendios. “Tanto a primeira como a segunda reclamación contan cun ano de prazo para poder ser presentadas, polo que as persoas que entregaron os papeis para rescindir os contratos deben agardar até que as volvamos informar; e no caso de recibir algunha resolución da Seaga por escrito sobre a solicitude de rescisión deben entregala na CIG inmediatamente ”.