A CIG estuda presentar denuncia penal contra o 061 e as empresas polos uniformes "ilegais" do persoal de ambulancias
A FGAMT-CIG estuda presentar denuncia pola vía do penal contra a Consellaría de Sanidade e as empresas de ambulancias por pór en risco a vida dos traballadores e traballadoras deste servizo. Isto é así, explica Xesús Pastoriza, responsábel de Transportes da CIG, porque os uniformes profesionais que obriga a utilizar a Fundación 061 no transporte urxente "son ilegais", xa que non reúnen os requisitos para desenvolver esta actividade.
"Nas ambulancias do 061, o persoal tería que levar un uniforme de clase 3 -de alta visibilidade e obrigatorio para actividades que se desenvolven nas vías nas que se circula a máis de 80 km/h-, pero o uniforme co que a Xunta obriga as empresas a equipar o persoal non reúne as condicións adecuadas. Parécenos moi grave que sexa a propia administración a que se desentenda da seguridade dos traballadores/as deste servizo público", sinala Pastoriza.
A situación complícase no transporte non urxente, xa que neste caso a Consellaría non establece ningún criterio e o tipo de uniforme que viste o persoal queda a elección de cada unha das empresas, "que por norma tampouco equipan os traballadores/as co uniforme axeitado".
"Estas situacións poñen en risco a vida dos traballadores e das traballadoras e por iso estamos estudando coa nosa asesoría presentar denuncia penal contra a Consellaría de Sanidade e as empresas, por non garantir que o persoal de ambulancias poida realizar o seu traballo en condicións de seguridade", afirma. Máis aínda, engade, tendo en conta que nestas vías nas que se circula a alta velocidade, un importante número de vítimas prodúcese por atropelo.
Reunións cos grupos parlamentares
Este luns, responsábeis da FGAMT-CIG e representantes do persoal mantiveron encontros cos catro grupos parlamentares para explicar o conflito laboral que se vive no sector das ambulancias na demanda dun convenio digno, o deterioro do servizo polos incumprimentos dos pregos e a falta de persoal, e para informar tamén do que acontece cos uniformes.