A CIG estuda a posibilidade de impugnar a externalización do servizo de recollida de lixo da Deputación de Ourense
A Sala do Social do TSXG vén de confirmar a sentenza do Xulgado Social número 4 de Ourense pola que se convalidou o proceso de externalización do servizo de recollida do lixo emprendido pola Deputación Provincial de Ourense a unha futura empresa de capital mixto.
O alto tribunal galego desestima as alegacións realizadas pola CIG, entre elas a máis importante, na que se denunciaba a discriminación do persoal indefinido e temporal fronte ao persoal fixo da institución provincial ao conferírselle só a este último o dereito a optar entre ficar na Deputación ou ser transferido á futura empresa de capital mixto.
A central considera, acatando o resultado da resolución xudicial, que se trata dunha interpretación restritiva e incorrecta por parte do TSXG a respecto da práctica europea, derivada de varias sentenzas do Tribunal de Xustiza da UE no sentido de que, nos casos de transferencia de traballadores/as, a opción debe ser conferida a todo o persoal e non só a un colectivo; por este motivo, os servizos xurídicos do sindicato están a estudar a presentación dun recurso de casación no Tribunal Supremo para unificación de doutrina contra a sentenza da Sala do Social do TSXG.
En todo caso, dende a CIG sosteñen que non é a prespectiva xurídica a única que cabe analizar neste asunto, “porque aínda que o acordo de externalización constitúe unha privatización agachada dun servizo público, este non puido ser discutido no seu momento pola nosa central sindical, dada a falta de representatividade da CIG no anterior comité de empresa".
Externalización innecesaria
Ao mesmo tempo, consideran que carece de todo sentido a externalización deste e doutros servizos “tendo en conta a práctica de absorción de servizos municipais seguida pola Deputación até o momento”. Así, entenden que non é razoábel que a institución provincial, tras 'centrifugar' á maioría dos servizos públicos de recollida do lixo dos distintos concellos de Ourense e presentar a operación como un acto de eficacia na xestión, “agora se dedique a externalizalos apelando á mesma eficacia de xestión”.
Diante disto, “e en función de que existen circunstancias políticas, sociais e sindicais diferentes ao momento no que se adoptou a decisión”, a CIG proporalle ao comité de empresa da Deputación que se reconsidere o acordo de externalización co obxecto de poder abrir un proceso de marcha atrás coa Presidencia da institución provincial “co único obxectivo de manter os servizos públicos e a eficacia na súa xestión”.
Finalmente, critican que o TSXG avale a externalización dun servizo sen que se saiba cara a onde se externaliza e a que prezo xa que nin existe a futura empresa que debería recibir os traballadores/as. “Así crea emprego o Partido Popular: primeiro absorve os empregos dos pequenos concellos, logo acorda traspasalos a unha empresa e, finalmente, haberá que ver quen estará detrás desa sociedade actualmente inexistente”, rematan.