A CIG está a participar na 112 Conferencia Internacional do Traballo
O día 3 de xuño, e logo das reunións previas dos diferentes grupos (gobernos, empregadores/as e traballadores/as), celebrouse a sesión de apertura da Conferencia Internacional do Traballo (CIT), que se desenvolverá nas instalacións da propia OIT e do edificio das Nacións Unidas en Xenebra, até o día 14 de xuño.
Comezaron tamén as reunións de traballo das diferentes comisións que se programaron para este ano, coa elección de representantes nas mesmas, a concreción dos calendarios e horarios, a achega dos documentos facilitados polo Comité de expertos/as e a apertura dos debates e discusións.
Neste ano estruturouse o traballo nas seguintes sete comisións:
1º) Comisión de verificación de poderes: encargada de garantir a correcta aplicación dun dos principios fundamentais da OIT, o tripartismo.
2º) Comisión de asuntos xerais: que se encarga de examinar todas as cuestións que lle remite a Conferencia e de elaborar informes ao respecto.
3º) Comisión de cuestións financeiras: na que se abordan os informes financeiros, o balance económico e os presupostos da OIT e das sucesivas reunións da CIT.
4º) Comisión de aplicación de normas: vela polo cumprimento dos diferentes convenios aprobados pola OIT e examina o informe da Comisión de expertos/as no que respecta á aplicación de convenios e recomendacións para este ano 2024. Esta Comisión desenvolverá o seu traballo en dous aspectos:
a) debate sobre o Estudio Xeral presentado nesta sesión, que leva por título “A administración do traballo nun mundo do traballo cambiante”.
b) discusión sobre os casos graves de incumprimento dos convenios da OIT. Nos días previos ao comezo dos traballos da comisión facilitouse unha lista longa de países que incumpren algún deses convenios, que queda reducida a 24 logo da discusión entre os distintos grupos, que serán tratados de xeito individual durante as reunións da Comisión. Son de destacar varias cuestións con respecto a esta Comisión:
- Os casos de Belarus e Miammar serán tratados de xeito específico, pola súa gravidade.
- Resulta rechamante comprobar como acaban sendo incluídos na lista algúns países que máis parece responder a criterios de carácter político, que a outros criterios relacionados co respecto aos dereitos laborais. É o caso de Colombia, Nicaragua e México (tres países que se posicionaron claramente contra o xenocidio sionista), mentres se exclúe a Costa Rica, cuxa inclusión viña sendo reclamada pola case totalidade das organizacións sindicais do continente americano.
- Tamén cómpre destacar a inclusión do Estado Español nesa lista de 24 países por incumprimento do convenio 144, que fai referencia á negociación tripartita. Esta inclusión parte dunha queixa das patronais sobre a falla de información do Executivo sobre as memorias e outros documentos da OIT, e pola exclusión da CEPYME dos procesos de consulta.
Sen entrar nesa discusión entre Executivo e patronais, cómpre lembrar que a CIG, xunto con ELA, a pesar de ter a condición de sindicatos máis representativos segundo a lexislación estatal, están sendo excluídas sistematicamente de ámbitos de negociación para os que ambas centrais sindicais están lexitimadas, coa desculpa dun institucionalizado “pacto social” sen base legal. O ministerio de Traballo xa se apresurou a responder que ese problema está resolto. Terémolo en conta para demandar o mesmo trato e recoñecemento que teñen as patronais.
5º) Comisión normativa sobre os perigos biolóxicos: esta Comisión estará encargada de levar a cabo a primeira discusión sobre protección fronte aos perigos biolóxicos con miras á elaboración de novas normas internacionais do traballo.
6º) Comisión da discusión recorrente sobre principios e dereitos fundamentais no traballo: que abordará os principios e dereitos fundamentais no traballo, nunha encrucillada decisiva e nos puntos para la discusión, preparará o proxecto de documento final (Conclusións) da Comisión polo grupo de redacción, e discutirá as emendas ao proxecto de conclusións na sesión plenaria da Comisión.
7ª) Comisión da discusión xeral sobre o traballo decente e a economía do coidado: que abordará a discusión, en sesión plenaria, sobre o informe de “ Traballo decente e a economía do coidado" e nos puntos para a discusión, a preparación do proxecto de documento final (Conclusións) da Comisión, polo grupo de redacción, a discusión das emendas ao proxecto de conclusións na sesión plenaria, e na súa última sesión agárdase que a Comisión adopte un documento final (Conclusións) que se sometería á sesión plenaria da Conferencia para adopción o venres 14 de xuño.
Sesión especial sobre a situación das persoas traballadoras nos territorios árabes ocupados
Diante da grave situación que se está a vivir en Palestina, o Consello de Administración da OIT fixo pública unha resolución, o pasado 13 de marzo, na que toma nota dos acontecementos que se sinalan no documento “Informe da 112.ª reunión: A situación dos traballadores dos territorios árabes ocupados”, expostos no Informe do Presidente do Consello de Administración e a Memoria do Director Xeral da OIT, as súas repercusións e a liña de actuación proposta para o futuro.
Tamén toma nota das diferentes resolucións relativas a Oriente Medio. Lembra a necesidade de respectar os dereitos fundamentais e asegurar o acceso á seguridade e protección do persoal da OIT que debe facer os estudo in situ, e, entre outras medidas, solicitaba unha reunión especial, no marco da 112ª Conferencia, para tratar os documentos comentados e debater sobre a situación dos traballadores e traballadoras nos territorios árabes ocupados. Sesión especial que se vai desenvolver durante toda a xornada do día 6 de xuño.
Reunión da CSPLP:
Como cada ano, e aproveitando a presenza na Conferencia da maioría dos sindicatos, o día 12 de xuño, celebrase unha reunión da Comunidade Sindical dos Países de Lingua Portuguesa (CSPLP), na que se afrontarán diversos asuntos acordados no pasado Congreso, celebrado en Cabo Verde. Entre eses asuntos, informarase do vindeiro Encontro de Mulheres da CSPLP, que se celebrará nos días 27 e 28 de setembro en Galiza, e coincidindo coa celebración dun Seminario Internacional, ambos organizados pola CIG.
Outras reunións
Tamén no día 6 de xuño haberá un acto, organizado polas organizacións sindicais de Arxentina, que baixo o título de “A democracia en América Latina”, denunciará a grave situación que están a sufrir, tamén no ámbito laboral, na República Arxentina, desde a entrada do goberno fascista e ultraneoliberal de Milei.
A CIG tamén aproveitará a celebración da Conferencia para manter encontros bilaterais con outras organizacións.
Xenebra, a 4 de xuño de 2024
Departamento de Relacións Internacionais da CIG