A CIG está a participar na 111 Conferencia Internacional da OIT que se celebra en Xenebra
Como cada ano, a CIG está a participar na 111 Conferencia Internacional da OIT, que se celebra en Xenebra entre os días 4 e 16 de xuño. Nesta edición, a institución de carácter tripartito (traballadores/as, empregadores/as e gobernos), ademais das tradicionais comisións, de verificación de poderes, de finanzas, de asuntos xerais e de aplicación de normas, abordará o debate sobre a protección das persoas traballadoras, a normativa sobre aprendizaxes e a discusión xeral sobre a transición xusta.
A CIG compaxinará este ano a súa participación en dúas comisións. O responsábel de Relacións Internacionais da central nacionalista, Xosé Lois Rivera, subliña a importancia de estarmos presentes na Comisión de Aplicación de Normas, na que se debate a situación naqueles países que algunha das partes considera que están incumprindo algún dos convenios da OIT.
"Sempre adoitamos participar destes debates. Mais, nesta ocasión, formaremos parte activa doutra Comisión, a que desenvolverá a discusión sobre a Transición Xusta, por consideralo un tema de grande importancia e actualidade, e que afecta moi directamente ao noso país", engade Rivera, apuntando que Galiza ten sufrido as consecuencias das estratexias coloniais cos seus recursos enerxéticos, no pasado e no presente, e hipotecando o seu futuro, coa implantación masiva de xeradores eólicos en todo o territorio, e tamén no mar, en mans das grandes empresas enerxéticas.
Comisión de discusión sobre a Transición Xusta
Na primeira reunión desta Comisión, a CIG xa formulou as súas discrepancias e matices con algunhas cuestións do documento a debate. "Na nosa intervención chamabamos a unha reflexión sobre a orixe deste debate. Existen uns países que teñen recursos e outros que utilizan todos os recursos para explotalos e controlalos. Curiosamente, os primeiros adoitan ser os países máis pobres e os outros os ricos", valora o representante da CIG.
Cando aínda non se afrontou un proceso de reparación sobre as consecuencias do extractivismo para os países colonizados, agora parece repetirse ese modelo no que respecta aos novos recursos: o litio, o coltam, o cobre etc. Neste senso, advirte que podemos estar diante cunha nova carreira desenfreada polo control destes recursos, coas consecuencias xa cometidas: a degradacíón salvaxe medioambiental, as diferenzas sociais, a explotación laboral, a perda de soberanía dos pobos sobre os seus recursos e, en casos extremos, a aparición de conflitos bélicos.
"Non haberá transición xusta se non garantimos unha enerxía ao servizo do pobo", afirma. No documento a discusión fálase de medidas de protección social e de protección contra as consecuencias adversas dos procesos de transición. "É dicir, estanse a admitir esas consecuencias e só se contemplan medidas de “beneficencia”, mais non se fala de dereitos nin de políticas públicas e de desprivatización da enerxía", para que esa transición sexa realmente xusta, e evitar un novo monopolio das grandes empresas sobre o control destes recursos.
"Sobre todos os recursos. A auga, o sol, o vento, son tamén recursos públicos. Non podemos deixar nas mans privadas a súa explotación e control. E debemos prestar tamén unha especial atención na procura de que os beneficios desas explotación chegan ás comunidades afectadas, que permite unha más xusta distribución da riqueza", insiste.
A CIG considera desacertado que no documento se poña ao Estado español como exemplo da transición xusta. Así, a CIG fixo referencia ao caso das Pontes para explicar que o que se afirma non responde á realidade. "Nin houbo un diálogo social xusto e democrático, ao ser excluídos da negociación outros sindicatos con representación, como a CIG, nin se implementaron as medidas das que se fala de protección social, nin de mellora de competencias e empregabilidade dos traballadores e traballadoras, nin, moito menos, se teñen posto en práctica políticas de diversificación económica na zona".
No documento fálase tamén do papel dos bancos no financiamento do préstamo para esa “economía verde", mais sen abordar en que condicións. Na conxuntura actual, e diante deste modelo predominante de economía especulativa no que estamos, o acceso ao crédito está sendo cada vez más complicado, e os xuros están medrando a niveis alarmantes.
Reunión da CSPLP
Nos vindeiros días, continuarán os debates e a CIG agarda que poidan ser positivos para a clase traballadora, no que respecta aos textos finais dos documentos en discusión.
Así mesmo, a representación da CIG aproveitará a estancia na Conferencia da OIT para ter encontros con outras organizacións sindicais de todo o mundo, e participar doutras actividades, como o tradicional acto de solidariedade con Palestina, actividades contra a explotación laboral da infancia ou, tal e como se ten acordado, facer unha reunión presencial das organizacións que forman parte da Confederación Sindical dos Países de Lingua Portuguesa (CSPLP).