A CIG esixirá que calquera proxecto para Thenaisie teña unha garantía de emprego efectivo durante cinco anos
Diante dos movementos que se están a producir nestes días para consumar unha posíbel operación de venda da Thenaisie Provoté, a CIG reitera que non avalará ningún proxecto de continuidade que manteña á fronte da conserveira á actual dirección de Scandia Food, que se inxecten cartos públicos a un proxecto fracasado ou que se proceda a unha operación de venda que non vaia acompañada dun plan industrial viábel.
Pero como non está nas mans do sindicato evitar ese plan, explica Rosa Abuín, a CIG xa adianta que vai esixir que calquera proxecto que se acorde para as plantas do Grove e Mos ofreza unha garantía de mantemento dos empregos e de carga de traballo efectiva, como mínimo, de cinco anos. E de non cumprirse este compromiso que se contemple unha cláusula de indemnización para o persoal de 50 días por ano traballado.
A FGAMT-CIG puido saber que a pasada fin de semana Scandia Food e os asesores de Garrigues mantiveron unha xuntanza en Barcelona co propietario de Conservas Dani e que onte mesmo a dirección do grupo romanés se reuniu coa administración galega, polo que entendemos que o operación de compra-venda xa está moi avanzada.
Por iso, prevese que a Xunta convoque o comité o venres desta semana para darlle a coñecer os detalles da proposta, "co obxectivo, ademais, de desmobilizar ao persoal e que non participe nas dúas protestas que estaban previstas para esa xornada en Vigo diante do despacho de Garrigues e na Delegación da Xunta", apunta a responsábel da FGAMT-CIG no Salnés.
A CIG lamenta que se deixara escapar a oportunidade de dotar a Thenaisie Provoté dun proxecto industrial viábel de mans dun empresario galego coñecedor do sector. "Consideramos que unha proposta que manteña na dirección a quen levou a conserveira ao concurso de acredores e a perder toda a clientela ou unha alternativa cunha nova empresa sen un plan industrial sólido detrás, está abocada irremediabelmente ao fracaso e a deixar polo camiño 125 postos de traballo".