A CIG esixirá a revisión trimestral das medidas organizativas na 'nova normalidade' do persoal da Administración do Estado
A CIG vén de sumarse ao acordo que establece as medidas organizativas do persoal da Administración Xeral do Estado na etapa de 'nova normalidade', aínda que esixirá a súa revisión trimestral. Ao mesmo tempo, a central reclamará as cuestións relativas a conciliación que non foron incluídas na resolución de Función Pública.
Dende a CIG-Administración explican que unha vez rematada a situación derivada do estado de alarma decretado pola pandemia da COVID-19, “facíase necesario atender algunhas cuestións relativas ás condicións de traballo, polo que se acordou co Ministerio de Política Territorial e Función Pública una resolución para darlle cobertura a este novo contexto”.
Aínda que a resolución non inclúe todas as propostas da CIG, dará solución a unha gran parte das demandas do persoal
A resolución irá acompañada da actualización da Instrución que regula as medidas preventivas segundo as normas ditadas polas autoridades sanitarias. “Aínda que non contempla a totalidade das aspiracións pretendidas pola CIG, dará solución a unha gran parte das demandas do persoal, en especial a aquelas relacionadas coas necesidades de conciliación; para a que se mantén, de xeito xeral, a posibilidade de prestación de servizos de xeito non presencial”.
A resolución afectará a todo o persoal da Administración Xeral do Estado; aínda que non será de aplicación directa, por ter que adecuarse a cada departamento ou organismo concreto, previa negociación coa representación do persoal no seu respectivo ámbito. Terá vixencia até o momento no que, por parte das autoridades sanitarias, se acorde a desaparición da pandemia, ou, até que se acorde a súa revisión na comisión de seguimento.“Dende a CIG esixiremos que sexa revisada cada tres meses”.
En virtude do acordo, o xeito “ordinario” de prestación de servizo será a modalidade presencial, permitindo que unha parte desta, até un máximo do 20% da xornada semanal, poida desenvolverse de xeito non presencial. Nesta modalidade poderán facerse adecuacións de quendas de traballo ou flexibilización de xornada para o persoal que teña ao seu cargo menores de 14 anos ou maiores dependentes.
O acordo tamén regula a prestación de servizo de xeito non presencial; poderá beneficiarse todo o persoal que, tendo funcións compatibles con esta modalidade, faga a solicitude voluntaria; daráselle prioridade aos colectivos declarados vulnerables ou aos qiue acrediten necesidades de conciliación por ter ao ser cargo menores de 14 anos ou maiores dependentes. Haberá condicións distintas en función dos casos.
Atención ao público
No suposto de persoas vulnerables ou con necesidades de conciliación prestarán servizo de xeito presencial só “até un 20% da xornada en cómputo semanal”; para o resto do persoal a condición será que “como mínimo un 20% da xornada semanal” deberá ser de xeito presencial. Contémplase a posibilidade de non incorporación ao seu posto de traballo daquelas persoas que estean en illamento por ter contacto con persoas contaxiadas ou presenten sintomatoloxía compatible coa COVID-19.
Na atención ao público, darase prioridade a atención telefónica e telemática, e manterase a obriga de atención con cita previa. Ademais, deberán terse en conta as medidas para evitar os riscos para a saúde establecidas nas normas sanitarias recollidas na instrución de medidas preventivas.
Tamén contempla outras medidas relacionadas coa formación, na que se establece a prioridade da impartición por medios telemáticos; a tramitación ordinaria dos procesos selectivos, nos que tamén se fomentará o uso de medios telemáticos para a lectura de exercicios; ou a adaptación das condicións de traballo ás necesidades do servizo establecidas con carácter ordinario na normativa xa existente.
Finalmente, fíxase que as cuestións que atinxan á aplicación da resolución poderán abordarse na comisión de seguimento establecida ao respecto. “Na CIG non renunciamos a defender todas aquelas situacións que, tendo que ver coas necesidades de conciliación, non se contemplan expresamente nesta norma; así como demandar a revisión da mesma nun período temporal non superior aos tres meses”.