A Xunta debe actuar con contundencia para evitar que Ferroatlántica faga efectivo un ERTE fraudulento
A CIG reclama da Xunta de Galiza unha actuación firme para impedir que Ferroatlántica, que goza de concesións públicas para a explotación de minas e centrais hidroeléctricas en Galiza, efectivice un ERTE fraudulento que, segundo as informacións aparecidas hoxe nos medios, só vai afectar ás fábricas galegas.
Tan só un día despois de asinarse o acordo do ERTE, os traballadores e traballadoras das fábricas de Ferroatlántica en Galiza víanse sorprendidos coa nova de que a planta de Santander queda fóra da regulación, xa que ao longo desta semana estará ao 100% da súa capacidade produtiva, con todos os fornos operativos. Esta información, que a empresa non desmentiu, incrementa a preocupación e a confusión do persoal sobre o futuro das fábricas da Costa da Morte e de Sabón e viría confirmar que o ERTE é un castigo ás plantas galegas por non conseguir que a Xunta autorizara a segregación e venda das centrais.
Solicitude urxente de reunión co conselleiro
Neste contexto, o comité de Cee-Dumbría-Centrais, reunido esta mañá, xa acordou solicitar unha xuntanza de urxencia co conselleiro de Industria para pór esta cuestión enriba da mesa e esixir unha actuación contundente da Xunta. A CIG entende que o Goberno de Feijoo ten que dar un paso adiante e facer valer, dunha vez, as cláusulas concesionais que vinculan a produción eléctrica coa produción industrial, para obrigar a Ferroatlántica a reactivar de inmediato os fornos parados, traer a carga de traballo deslocalizada a outras plantas do grupo e garantir o aprovisionamento de materias primas tanto en Cee como en Sabón.
En caso contrario, a Xunta debería iniciar o proceso de reversión das concesións, posto que a empresa non estará cumprindo coas cláusulas, xa que este ERTE fraudulento compromete a viabilidade das fábricas e dos empregos. Aínda máis tendo en conta que o Grupo Villar Mir se nega a retirar os recursos contra a resolución de Augas de Galiza, confirmando que o seu obxectivo continúa a ser a venda das centrais.
A CIG explica as razóns polas que non asinou o acordo
A noticia coñecíase coincidindo coas asembleas de persoal en Cee e Dumbría, nas que a CIG explicou os motivos polos que non asinou o acordo, xa que este non contempla nin unha soa garantía de emprego e de produción industrial para as fábricas galegas, non recolle un calendario para a posta en marcha dos fornos e abre a posibilidade a prorrogar o ERTE máis alá de febreiro de 2021. Ademais, a CIG entende que non existen razóns obxectivas para unha medida deste calado, tal e como viría demostrar o feito de excluír da regulación á fábrica de Santander.