A CIG esíxelle á Xunta que reclame a xestión do colexio militar Salvador Moreno de Pontevedra
A CIG esíxelle á Xunta que reclame a transferencia da xestión do colexio Salvador Moreno de Pontevedra, na actualidade baixo control da Armada española, ao tempo que solicita que se cambie o nome do centro por ser franquista e se coloque a bandeira galega no edificio, ao tratarse dun edificio público civil. Para logralo, a central sindical remitiulles escritos á Subdelegación do Goberno, ao Concello de Pontevedra e ao Valedor do Pobo para que insten os Gobernos español e galego a corrixir esta situación.
Dende a CIG lembran as competencias en materia educativa están transferidas ás comunidades autónomas, polo que o feito de que dirección do centro sexa persoal laboral do Estado é contrario ao exercicio destas competencias, porque o Estado asume unha que non lle corresponde.
Tamén sosteñen que o colexio non pode considerarse privado ao estar sostido con fondos públicos, no que a titularidade é da Armada, o persoal docente e directivo é persoal ao servizo da Administración e o financiamento é con cargo aos orzamentos do Estado, como recoñece o propio centro na súa páxina web.
Ao mesmo tempo, esixen a retirada do nome do colexio, por ter sido Salvador Moreno un activo colaborador do golpe de estado fascista de 1936 e da represión franquista posterior. Neste senso invocan a Lei de Memoria Histórica, que establece a obriga das Administracións públicas de retirar todos os elementos conmemorativos de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil ou da represión da ditadura.
“Na CIG querémonos sumar, como un colectivo máis, a esta petición, cun carácter se cabe máis especial, ao tratarse dun edificio público civil no que o persoal civil ao servizo do Ministerio de Defensa desenvolve a súa actividade laboral e profesional, reafirmando así o compromiso da nosa organización sindical cos valores de xustiza social e de dignidade democrática”.
Colocación da bandeira galega
Outra das demandas da central pasa pola colocación da bandeira galega no edificio, xa que actualmente só figura a española, "porque debe de considerarse un centro público civil aos efectos contemplados no artigo 4 da Lei 39/1981, de 28 de outubro, pola que se regula o uso da bandeira española e doutras enxeñas e bandeiras".
Finalmente, solicita a eliminación do ideario relixioso que o colexio obriga a aceptar a toda a comunidade escolar, tal e como recolle na súa páxina web: <<El ideario del centro, que deberá ser aceptado tanto por el personal docente como por los alumnos y las personas que legalmente los representen, perseguirá la consecución de una formación integral, fomentando los valores humanos, religiosos, patrióticos y cívicos>>.
Ademais, o terceiro dos principios que fundamentan este ideario é, segundo o sitio web do Salvador Moreno: <<El proyecto educativo del colegio se inspira en una concepción cristiana del hombre y de la vida>>. De feito, até o ano 2015 en que a CIG demandou no Xulgado e logrou unha sentenza favorábel, o centro obrigaba a todo o profesorado a ter a acreditación para impartir relixión católica.
Por todo isto, a central sindical remitiulles escritos á Subdelegación do Goberno, ao Concello de Pontevedra e ao Valedor do Pobo para que insten os Gobernos español e galego a corrixir esta situación, ao tempo que lle trasladou estas reivindicacións ao grupo parlamentario do BNG e ao seu deputado no Congreso dos Deputados/as co obxectivo de que inicien os trámites necesarios para esixir o cumprimento da lexislación.
Fillos/as de militares, policías e gardas civís
As orixes do colexio Salvador Moreno remóntanse á implantación en Marín da Escola Naval Militar, en 1943, cando segundo a páxina web do centro educativo, <<se vio la necesidad de poder contar con un centro escolar que pudiera atender la formación educativa de los hijos de los Jefes, Oficiales, Suboficiales y Marinería destinados en la Escuela Naval y con la suficiente flexibilidad de acogerlos atendiendo las vicisitudes de las carreras profesionales de los padres>>.
Dez anos despois lévase a cabo a construción, e dende entón, e até a finalización do curso 2014/2015, a Congregación das Discípulas de Jesús encargouse da dirección técnica-pedagóxica do centro. <<En el año 2015 cesa la Congregación por jubilación de las integrantes del Claustro>>, tal e como recolle o sitio web do Salvador Moreno.
Durante ese tempo a Armada asumiu o control da xestión do centro mediante unha xunta de goberno e administración composta por oficiais destinados na Escola Naval Militar. <<Desde el cese de la Congregación se hizo necesario modificar el sistema de gestión del Colegio con personal al servicio de la Administración que asumiera los cometidos que venían realizando las Discípulas de Jesús>>.
A Armada fíxose cargo destas funcións ao atoparse o colegio dentro da súa organización, <<corriendo la financiación con cargo a los presupuestos del Estado y estableciendo los mecanismos para adecuar plenamente la gestión administrativa y económica a su naturaleza de centro de carácter privado>>. O colexio está recoñecido como un centro de ensino privado, autorizado pola Consellaría de Educación para impartir Primaria e Secundaria Obrigatoria.
Educación Primaria e Secundaria
Os niveis impartidos dende o inicio do colexio foron Educación Infantil e Educación Primaria, mais a partir do curso 1980/1981 suprimiuse a Educación Infantil, menos o último ano, que se mantivo até o curso 1994-95, para ser substituída definitivamente pola ESO. Até o curso 1980/81 o centro era exclusivamente masculino, <<pasando a partir de ese mismo año a ser mixto, lo que supuso un notable aumento del alumnado y la necesidad de contar con un nuevo edificio y un pabellón de deportes>>.
Ademais dos fillos/as do personal da Armada destinado na Escola Naval de Marín, no Salvador Moreno están escolarizados/as fillos/as de persoal do Exército de Terra e de membros da Garda Civil e da Policía española, <<así como personal ajeno a las Fuerzas Armadas pero con cierta vinculación a la Armada>>.