A CIG esíxelle á Xefatura de Incendios que se respecten os horarios das brigadas municipais de extinción
Dende a central explican que tras detectar varios casos de abusos horarios provocados polas ordes que o SPDCIF lles traslada a algunhas brigadas municipais “puxemos en coñecemento da Xefatura estas irregularidades”.
Sosteñen que a fragmentación nos medios de extinción, “a maiores das eivas que se producen no desenvolvemento dos traballos”, fai que convivan brigadas con condicións laborais que o SPDCIF, responsábel e mando único do dispositivo, descoñece ou non executa como debera.
Ademais, lembran que aínda que a Xunta de Galiza, en concreto a Consellería do Medio Rural, non é a responsábel directa da contratación nin da relación laboral cos traballadores/as cando non se trata dos seus medios propios, “si é a responsábel máxima dos medios e da coordinación de todo o dispositivo que se pon ao mando do SPDCIF”.
Así, indican que boa parte Concellos cos que asinan acordos non teñen convenio colectivo, o que fai que á hora de asinar convenios de colaboración os traballadores/as queden ao amparo do que establece o Estatuto dos Traballadores/as remudado o pasado ano 2015 vía Real Decreto Lexislativo 2/2015, de 23 de octubre.
“En boa parte destes contratos establécese que as quendas semanais son de 40 horas, e repártense en cinco días de traballo, o que quere dicir que a xornada non excederá as oito horas”.
Contratos sen horas extras
Segundo sosteñen, esta lexislación non competerá en concellos onde exista convenio colectivo, mais como norma xeral non estará por debaixo do marco que regula o propio Estatuto.
“Non temos coñecemento a día de hoxe de que se asinaran contratos onde se incluíran horas extras, posibilidade que se recolle no Estatuto dos Traballadores/as”.
Neste senso, denuncian que adoita acontecer que dende o SPDCIF se lles ordea a estes traballadores/as facer 12 horas, “como se foran persoal laboral da Xunta rexidos polo V convenio colectivo, pero non é o caso”.
Diante disto, agardan que suceda por descoñecemento, “entendendo as dificultades que poida supoñer para os encargados de establecer as quendas, pero como responsábeis directos do dispositivo non poden ordearlle aos traballadores/as realizar máis horas das que están asignadas por contrato”.
Finalmente, esixen que estas irregularidades se resolvan coa maior brevidade posíbel e que se coordinen as entidades xestoras dos medios para que dende o SPDCIF non se convide a infrinxir a lei e se respecten as quendas tal e como están asinadas por todos os membros, “evitando posíbeis responsabilidades diante dos accidentes que poidan producirse”.