A CIG esixe unha solución xa para manter os empregos en Alcoa San Cibrao e na industria electrointensiva
A CIG pediu hoxe ao Goberno español un calendario "claro e inequívoco" para a aprobación e a entrada en vigor do estatuto electrointensivo, así como a posta en marcha de todas medidas complementarias que permitan avanzar nunha tarifa industrial para o sector máis xusta, estábel e predicíbel.
"A día de hoxe seguimos sen data para o estatuto e sen as medidas necesarias para termos unha tarifa industrial que dea estabilidade ao sector e permita manter os postos de traballo", así resumía o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, a reunión da mesa de Alcoa San Cibrao que tivo lugar este xoves na Subdelegación do Goberno de Lugo e na que participaron o secretario xeral de Industria, o conselleiro de Industria, o presidente de Alcoa España, o comité de empresa e representantes das centrais sindicais.
Ante esta falta de avances, a CIG esixiu a máxima dilixencia na posta en marcha dunhas medidas que xa deberían estar aprobadas dende hai meses ante a situación de emerxencia que atravesan este tipo de industrias e, particularmente, a produción do aluminio, por ser actividade máis electrointensiva de todas. Neste senso, Carril pediu do Goberno español que achegue o borrador do estatuto do consumidor electrointensivo cunha memoria económica "que abra luz sobre cal é o impacto real no custe da enerxía que terá esta nova regulación".
Inquirido sobre este punto, o secretario xeral de Industria foi incapaz de trasladar ningún compromiso nin confirmar se as medidas previstas polo Executivo permitirán situar o prezo da electricidade nos 35/40 euros/MWh.
Demanda á dirección de Alcoa
Na mesma medida, a CIG esixiulle a Alcoa que non tome "decisións irreversíbeis que poñan en cuestión a continuidade do complexo industrial de San Cibrao e dos postos de traballo". En resposta, a dirección da empresa informou que a día de hoxe segue 'analizando' a situación e que non ten acordada ningunha medida, mais dando a entender que a multinacional considera insuficiente o estatuto para manter a produción de aluminio primario en Galiza.
Diante disto, a CIG urxiu ao Goberno español a dar as solucións necesarias de inmediato para garantir todos os empregos e actividade produtiva. A este respecto, todas as partes quedaron emprazadas a manter unha nova xuntanza, no prazo máximo de un mes, e en calquera caso co estatuto electrointensivo xa aprobado.