A CIG esixe unha solución inmediata á problemática do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Forcarei
A totalidade do cadro de persoal de Serinter, concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Forcarei, participou na mobilización convocada este mércores pola CIG diante do consistorio para reclamar unha solución inmediata á problemática que ameaza a continuidade do servizo e dos empregos.
Segundo explican dende Unión Local da Estrada-Deza, o desleixo e a falta de previsión do Goberno local, presidido polo PP, “que deixou pasar a oportunidade de convocar un novo concurso en tempo e forma”, poñen en risco a prestación deste servizo e a continuidade de 14 empregos.
A concesionaria, Serinter, comunicou no mes de agosto que non ía seguir á fronte do SAF xa que as débedas coa Seguridade Social, co Fogasa e cunha entidade bancaria obrigárona a acollerse a concurso de acredores, “pero o Concello non fixo nada e prorrogou o contrato automaticamente, cando dende a CIG lle advertimos moitas veces que o único xeito de garantir a continuidade do servizo era sacalo a concurso o antes posíbel”.
Unha vez o administrador concursal se fai cargo da empresa comunica que a situación económica é crítica. Entón o Goberno local opta por reunirse coas empregadas para que “boten unha man” e accedan a unha rebaixa das nóminas para garantir a supervivencia da compañía. Dende a representación do persoal, da CIG, reclámase unha xuntanza entre o Concello e os sindicatos, “pero cando nos presentamos non nos deixan pasar”, indican dende a central.
Cobran a final de mes
Entón optan por solicitarlle información ao propio administrador concursal, que lles asegura que existe un plan para que a empresa non desapareza e para manter os postos de traballo. “A partir de entón as empregadas cobran entre os días 22 e 24 de cada mes, o que a máis de unha xa lle trouxo problemas co banco”.
A pesar disto o Concello segue sen iniciar os trámites para renovar o servizo, e a pesar de que se celebraron xa dous plenos “non se falou do tema”. Polo tanto, esta situación “insostíbel” podería demorarse polo menos sete ou oito meses, “algo que non estamos dispostos/as a consentir”. Finalmente, sinalan que se o Goberno local non quere “perder tempo en concursos” a solución definitiva pasaría por desprivatizar o servizo e asumir a xestión directa con recursos municipais.