A CIG esixe que se recoñeza a Covid-19 como enfermidade profesional polo risco de exposición e non pola categoría ou contrato
A CIG concentrouse esta mañá na Delegación do Goberno para esixir que se considere como enfermidade profesional o contaxio de SARS-CoV-2 para todo persoal que traballa na sanidade e no sector sociosanitario que foi privatizado, así como para o persoal do sector das ambulancias ou o que presta servizos públicos a través de empresas privadas, nomeadamente no sector dos coidados.
Hai que lembrar que o Real Decreto Lei 3/2021 que regula este recoñecemento, resulta discriminatorio ao excluír da súa aplicación a todos estes colectivos laborais, malia que tamén traballan no sistema publico, só que a súa relación laboral é coas empresas privadas.
"Se as administracións públicas no queren ao persoal das empresas privadas, teñen a solución na súa man: eliminen as privatizacións e subroguen ao persoal dos servizos concesionados", aseverou María Xosé Abuín, secretaria nacional da Federación de Saúde da CIG, quen promove esta campaña xunto ás federacións de Administración Pública, Servizos, FGAMT e Industria.
A este respecto, subliñou que o virus non distingue entre categorías profesionais nin vínculo laboral e que a consideración como enfermidade profesional ten que vir determinada pola exposición ao risco de contaxio no posto de traballo. "Esta discriminación que fai o Goberno do Estado é impropio dun goberno que se denomina a si propio de 'progreso', xogando coa saúde dos traballadores e das traballadoras ao aplicar unha norma clasista, que ademais penaliza o persoal máis precarizado como o de axuda no fogar, ambulancias ou os servizos subcontratados dos hospitais".
A norma necesita dun desenvolvemento claro e conciso
Abuín trasladou a preocupación pola redacción do RDL e a súa aplicación e reclamou un desenvolvemento claro e conciso da norma, para evitar que a súa aplicación sexa restritiva ou discriminatoria. Neste senso explicou que se descoñece cales son as instrucións que a administración vai enviar ao servizos de prevención de riscos laborais que serán os encargados de realizar os informes correspondentes nos que se faga constar que, no exercicio da súa profesión, a traballadora ou o traballador estivo exposta/o ao virus SARS-CoV-2.
"Como esa instrución non teña un desenvolvemento profesional a súa aplicación vai ser restritiva e arbitraria, deixando a moitos e moitas profesionais que traballan nos sistemas públicos sen ese recoñecemento", advertiu.
Por iso, a CIG vai iniciar contactos institucionais para conseguir que no proceso de tramitación parlamentaria se modifique o RDL e o seu ámbito de aplicación, e continuará adiante coas mobilizacións para esixir este recoñecemento "porque a covid-19 non entende de categorías nin de contratos".