A CIG esixe o cese da conselleira do Medio Rural polo nefasto dispositivo contra incendios
O sector de Autonómica da CIG-Administración reclamou hoxe o cesamento da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, polo “nefasto” dispositivo de prevención e extinción de incendios forestais, ao tempo que lle lembra ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que mantela no cargo tras unha xestión “incompetente” faino “máis cómplice” da vaga de lumes.
Dende a central sindical lembran que a traxedia dos lumes que está a padecer Galiza é en gran medida froito das políticas forestais e de prevención e extinción dos lumes do PP, “que converteu o noso país nun polvorín”. A CIG leva anos advertindo das carencias na prevención e na “nefasta” xestión da extinción, que pon a sociedade e o persoal de extinción en risco.
A traxedia dos lumes que está a padecer Galiza é en gran medida froito das políticas forestais e de prevención e extinción dos lumes do PP
Neste contexto, o persoal contra incendios ten que facer máis do que a súa capacidade lle permite, “evidenciando a súa profesionalidade na defensa do medio natural, das persoas e das vilas”. Por iso a central considera que chegou o momento de esixir responsabilidades. “Non poden seguir poñéndonos en risco; hai que actuar, e o Goberno galego tiña que telo feito moito tempo atrás, tal e como lle leva demandando a CIG e gran parte da sociedade galega”.
Neste senso, denuncian que o propio presidente da Xunta e a Consellaría do Medio Rural levan anos inhibíndose de artellar políticas forestais activas, de fomentar a prevención dos lumes e de asentar un dispositivo contra incendios con medios e persoal para loitar contra unha nova tipoloxía de lumes moito máis agresivos e agravados polo cambio climático. “As consecuencias de todo este mal proceder estamos a pagalas hoxe: máis de 150.000 hectáreas. de monte queimado, a maior catástrofe ecolóxica dende o Prestige”. Até o punto de que este 2025 é o ano que máis superficie ardeu dende que se teñen rexistros nos últimos 60 anos, o dobre que no 2006 ou que en 1989.
Servizo reducido e mal organizado
Consideran que fan falta máis efectivos, tanto axentes como bombeiros/as forestais. “En 2019, logo de meses de loita do persoal, a Consellaría do Medio Rural volveu a asumir as brigadas de reforzo, pero fíxoo de forma irregular e reduciu os medios existentes (procedentes de Seaga); e xa daquela advertimos que a provincia de Ourense ía ter serios problemas de cobertura do territorio. No ano 2019 na provincia de Ourense formáronse 29 brigadas, mentres que na de Pontevedra, por exemplo, foron 48 (datos do PLADIGA)”.
Hai que ter en conta que a provincia de Ourense concentrou o 38,54% dos lumes en Galiza no período 2015-2024, así como 34 grandes incendios forestais (dun total de 56). Esta carencia de persoal nun territorio tan amplo, sumada a unha falta de infraestruturas e de mantemento, “reduce a posibilidade de realizar un primeiro ataque de todos os lumes de xeito rápido, factor fundamental para que os incendios non se fagan grandes como pasou estes días”.
Precariedade endémica do persoal
O persoal que traballa no servizo de incendios atopase dividido en persoal funcionario e persoal laboral, que é fixo-descontinuo. Custou anos de loita que o persoal laboral traballe durante nove meses (farao no 2026). Na CIG insisten en que este persoal ten que traballar todo o ano para poder ter unhas condicións laborais dignas, ser profesionais formados e poder realizar tarefas de prevención. “Pero o que fai Medio Rural é seguir a discriminar ao seu persoal, tratando de xeito diferente o persoal laboral e funcionario, e incumprir os compromisos acadados no 2024 para igualar e mellorar as condicións laborais”.
Cos lumes visibilízanse os incumprimentos en cuestións básicas de seguridade e saúde, co incremento dos riscos laborais: superación da xornada máxima diaria de 12 horas; falta de avituallamento de comida e bebida; ausencia dun sistema para desinfectar os EPI, coa conseguinte exposición permanente a sustancias carcinóxenas; carencias e defectos no material de protección, etc. “Mais no canto de buscar unha solución rápida, a Administración dá voltas con probas e protocolos que non se implementan de xeito efectivo”. Como non é admisible que non convocaran os comités de seguridade e saúde laboral despois de 20 traballadores/as queimados/as.
As bases do persoal de terra seguen a presentar graves deficiencias, moitas veces son simples naves ou garaxes, con taquillas e casetos de obra en mal estado onde comparten espazo os vehículos e a maquinaria coas persoas durante quendas de 10 horas e sen unhas mínimas condicións de hixiene ou unha simple instalación para quecer o xantar.
Nefasta política de cobertura de postos
Este ano estamos a asistir a un despropósito aínda maior, xa que a Administración tiña centos de vacantes e substitucións sen cubrir e púxose a facer chamamentos en plena vaga de lumes. O 15 de agosto fixo o chamamento número 16 e 17 desta tempada. “Pero o que fixo a Consellería do Medio Rural tras as protestas das organizacións sindicais foi ocultar os novos chamamentos, e como mínimo levan tres máis nesta segunda quincena”.
Non podemos tolerar que os culpables desta ineficaz e irresponsable xestión dos lumes sigan nos seus postos
Por iso dende a CIG-Autonómica pregúntanse se puido agardar a ter unha vaga de lumes para cubrir os postos dos bombeiros/as forestais, tendo en conta que non foron baixas novas por accidentes recentes senón que nalgúns casos a necesidade de cobertura era de meses.
A central sindical intentou contactar coa Consellaría para aportar propostas para facer máis efectiva a extinción dos incendios e mellorar as condicións do persoal, “pero en lugar de atender o ofrecemento os responsables agocháronse nos seus despachos. Medio Rural actuou de forma opaca, mentireira, irresponsable pondo en risco ao seu persoal e a toda a sociedade galega”.
Finalmente, sinalan que se en 2006, coa metade da superficie queimada, Rueda esixía responsabilidades, agora co dobre, “por decencia debe de render contas”. Polo que o instan a cesar a quen ten a responsabilidades do dispositivo de loita contra o lume, a conselleira do Medio Rural e a cúpula do seu departamento. “Porque teñen demostrado a súa incompetencia ao aplicar políticas ineficaces, tanto o secretario xeral técnico, ao que corresponde a xestión de persoal, como os directores xerais de Defensa do Monte e de Planificación e Ordenación Forestal. Non podemos tolerar que os culpables desta ineficaz e irresponsable xestión dos lumes sigan nos seus postos”, rematan.