A CIG esixe medidas para atallar o elevado risco psicosocial en Lefties e o cese da represión sindical
A CIG-Servizos realizou unha concentración na mañá deste xoves diante da tenda Lefties do Centro Comercial As Cancelas (Santiago de Compostela) para esixir que de inmediato se adopten medidas para corrixir o elevado risco psicosocial que sofren as traballadoras e traballadores desta marca do Grupo Inditex, denunciar a represión que están a sufrir as delegadas e delegados da CIG, e nomeadamente a presidenta do comité de Zara da Coruña, Carminha Naveiro, así como demandar que se cambie as persoas responsábeis do departamento de Recursos Humanos.
Na protesta lembraron que ao longo dos anos 2014, 2015, 2016, 2018 e 2021, a instancias da CIG, fixéronse avaliacións do risco psicosocial nas tendas Lefties de Zara España da provincia da Coruña. Os resultados destas enquisas foron "desastrosos e alarmantes, tardando a empresa en analizar os mesmos e na maioría das veces nin sequera se chegaron a tomar medidas", denuncia a presidenta do comité provincial de Zara, Carminha Naveiro.
No último estudo realizado, en maio de 2021, os resultados demostraron que non só non se corrixiu ningún dos riscos detectados previamente, senón que a situación empeorou en todas as tendas da provincia, con especial incidencia no Lefties do CC As Cancelas. De aí que este fora o lugar elixido para facer esta primeira concentración.
Métodos "antigos, autoritarios e ditatoriais"
Unha situación de risco elevado que xa foi denunciada pola CIG ante a Inspección de Traballo e que a central atribúe ás deficiencias de organización e de mando que se prolongan no tempo, á propia dirección e a un departamento de Recursos Humanos que utiliza "métodos antigos, autoritarios e ditatoriais".
Malia as reiteradas denuncias da CIG demandando que se adoptaran medidas correctoras de maneira urxente, tal e como obrigan os resultados da enquisa de riscos psicosociais, "a realidade é que a dirección está enquistando este ambiente laboral tenso e nocivo", altamente prexudicial para o persoal.
A empresa rexeitou as propostas da CIG
A representación da CIG achegou unha proposta de medidas correctoras para mellorar as condicións de traballo e que axudarían a eliminar o risco nas tendas Lefties, como o aumento de horas, a equiparación salarial con Zara, un semi-peche (posibilidade de saír unha tarde ás 20h), establecer dous sábados libres ao mes, ou ofrecer formación que teña que ver co ámbito laboral. Pero, explica Carminha Naveiro, a principal medida a levar adiante pasa "por cambiar as persoas responsábeis do departamento de Recursos Humanos".
Pero a resposta da empresa foi rexeitar todas estas propostas, implantando de maneira unilateral unha serie de actuacións que para o único que serven "é para xustificar que fixeron algo, cando o que fixeron foi empeorar a situación poñendo en marcha un “protocolo de investigación” apoiándose nun “Comité Ético” inventado polo departamento de RH da dirección do Grupo Inditex".
O obxectivo deste protocolo, apunta Naveiro, non é outro que "utilizalo como escusa para xustificar que non van a cambiar as persoas responsábeis de RH de Lefties, e non adoptar así ningunha medida real, descargando a culpa dos resultados das avaliacións en todas as traballadoras e os traballadores".
Actitude represiva contra as delegadas/os da CIG
A representación da CIG non vai permitir que unha empresa como Inditex non adopte medidas para eliminar o risco psicosocial, nin salvagardar a integridade dos traballadores e traballadoras das tendas Lefties. "Tampouco estamos dispostas a permitir a actitude déspota, prepotente e represiva que as persoas responsábel do Dpto. de RH teñen coa CIG, e sobre todo ca presidenta do comité, buscando con estas actitudes o menoscabo da dignidade profesional, sindical e persoal das propias delegadas da CIG e sobre todo de Carminha Naveiro, como presidenta do comité", advirten.
Diante disto, a CIG xa solicitou en diversas ocasións reunións con carácter urxente co director xeral da cadea Lefties (Xavier Rut) para tratar de poñerlle solución a esta situación, sen obter até o de agora ningunha resposta. Para a CIG a actitude da dirección de Lefties constitúe unha intromisión nun problema que ten que resolverse no seo do comité, vulnerando ademais con este proceder o dereito de representación do persoal.
"Tampouco debemos consentir que as condicións das traballadoras e traballadores das tendas Lefties, sendo o mesmo e facendo o mesmo traballo, teñan condicións inferiores ás do persoal das tendas Zara", advirten.
Diante de todo isto, ao remate da protesta, xa se advertiu que "non pararemos de mobilizarnos até que a a empresa sente con nós buscar unha solución e deixe de ameazar as traballadoras".