A CIG esixe información clara e rigorosa sobre a situación de Isidro 1952 e a intervención activa da Xunta
A representación da CIG no comité de Isidro 1952 quere trasladar a súa preocupación polo futuro da factoría e dos empregos ante o cúmulo de despropósitos acontecidos nesta última semana. Se o venres pasado Pablo García-Gascó comunicaba de maneira informal á presidenta do comité que a empresa fora vendida, esta semana coa mesma falta de transparencia e rigor, a dirección trasladáballe ao comité que a operación ficou suspendida e que non haberá venda.
De xeito paralelo, o presunto comprador, Carlos García Martín, pedía o apoio do cadro de persoal para forzar a venta e queixábase de que non se lle permitía a entrada na fábrica de Cambre, que cualificou como "a súa empresa".
Todo este esperpento acontece tras as numerosas noticias aparecidas nos medios de comunicación cuestionando a solvencia de Carlos García Martín e sen que a parte social coñeza os termos e condicións dese presunto acordo privado de compra-venda que, por certo, na reunión mantida esta semana con García Martín, este xa daba por pechado.
Este venres remata o prazo para remitir a documentación ao xulgado
Diante disto, a representación social pídelle á actual propiedade que facilite datos concretos sobre a situación da empresa e que pasos vai dar, tendo en conta que Isidro 1952 ten solicitado o concurso e que o prazo para presentar a documentación requirida polo xulgado do mercantil remata este venres, 24 de xaneiro. Non obstante, este prazo é ampliábel até o vindeiro luns e partir de aí, en función de se empresa remite ou non a información requirida, nomearanse os/as administradores/as concursais, cuxa designación podería adiarse até a primeira semana de febreiro.
A este respecto, as delegadas da CIG pídenlle a dirección a maior dilixencia na entrega da documentación para canto antes poder comezar coas actuacións concursais e dotar de amparo legal aos traballadores e traballadoras, que levan meses sumidos na absoluta incerteza sobre o seu futuro. E atendendo a esta circunstancia, a representación da CIG demanda da dirección que non aplique nin o ERE de extinción nin modificación das condicións laborais e salariais.
Intervención da Xunta
De igual xeito, a CIG xa puxo en coñecemento da Xunta de Galiza a opaca operación de compra-venda e pediu a inmediata intervención da Administración galega. Neste senso, unha vez sexa admitido o concurso, a representación social solicitará as oportunas xuntanzas coa administración concursal e coa Xunta de Galiza para buscar unha solución viábel que garanta a continuidade dos 225 empregos e da actividade produtiva na fábrica de Cambre, nas piscifactorías e nos criadeiros, así como que se proceda ao pago dos salarios adebedados no menor prazo posíbel.
Ante a situación xerada e o malestar existente entre o cadro de persoal por todo o acontecido, o comité de Isidro 1952 proporá a convocatoria de novas mobilizacións nos vindeiros días.