A CIG esixe implementar a aplicación Minerva en galego para favorecer a normalización da nosa lingua na Administración de Xustiza
A CIG-Xustiza demándalle á Dirección Xeral de Xustiza que inicie os trámites oportunos e poña os medios necesarios para implementar a aplicación Minerva en lingua galega "e que, dunha vez por todas, se cumpra a normativa en normalización lingüística e se respecten os dereitos da cidadanía, os/as traballadores/as e os/as profesionais desta Administración en relación co uso da nosa lingua".
O secretario nacional de Xustiza da CIG, Xesús H. Sánchez, explica que as traballadoras e os traballadores deste sector non teñen a posibilidade de tramitar os expedientes na nosa lingua, xa que a aplicación Minerva non ofrece esa opción. Esta carencia, sinala, conculca o artigo 9.2 da Constitución española ao provocar unha desigualdade en detrimento das persoas galegofalantes e incumpre o plan xeral de normalización lingüística, así como o recollido na Carta europea as linguas minoritarias ou rexionais.
Sánchez lembra que a Dirección Xeral de Xustiza posúe o código fonte da aplicación Minerva, "o que abre a posibilidade de implementala en lingua galega, xunto cos seus modelos". Ademais, xa dispón de equipos lingüísticos adscritos aos órganos xudiciais que poden asumir a tarefa de tradución dos modelos, tal e como se fixo con aplicacións anteriores.
Obriga de promover e protexer a nosa lingua
"Non existe, polo tanto, ningún impedimento para que o Goberno da Xunta poña a disposición das traballadoras e dos traballadores da Administración de xustiza esta aplicación en galego, cumprindo así coa súa obriga de promover e protexer a nosa lingua", asevera Xesús Sánchez.
Neste senso, a CIG salienta que o Estatuto de Autonomía establece que os poderes públicos potenciarán o emprego do galego en todos os ámbitos, dispondo os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento; así como que a Lei de Normalización Lingüística de 1983 estabelece o dereito da cidadanía ao uso da lingua do país, oralmente ou por escrito, na súa relación coas administracións e obriga os poderes públicos a promoveren o galego.
Porén, a pesar das disposicións normativas, a día de hoxe a presenza do galego segue sendo residual na Administración de Xustiza e aínda que o 20% das demandas do Social presentadas en Galiza son interposta pola CIG e están na nosa lingua, a súa tramitación faise en castelán.
Para tratar a situación discriminatoria e trasladar as esixencias da central sindical, tamén se solicitou unha reunión co director xeral de Xustiza. Esta actuación forma parte da campaña que a CIG está a desenvolver de cara a conseguir a normalización do uso do galego neste ámbito e que se respecten os dereitos das persoas galegofalantes.